Sinala que o desleixo do goberno galego diante das dificultades do sector, que estima perdas no entorno dos 120 millóns de euros, “aboca ao peche de explotacións e a morte inducida do rural”
A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Lara Méndez, reclamoulle hoxe á conselleira do Medio Rural que habilite axudas directas para compensar aos agricultores galegos afectados polas graves perdas ocasionadas polo paso do temporal Kirk. Méndez presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que alertou do “desleixo” do goberno galego, que deixa ao sector á intemperie no seu peor momento.
Méndez sinalou que, segundo os agricultores galegos, as perdas ocasionadas polo temporal ascenden aos 120 millóns de euros só en produción, aos que hai que sumar os danos nas infraestruturas como cubertas, edificación, canalizacións, ou nas pistas forestais. Advirte que a falla de apoio por parte do goberno galego como administración competente aboca ao peche de numerosas explotacións, e están “incidindo na morte inducida do rural”.
A parlamentaria socialista enumerou os danos provocados polo temporal, que afectou sinaladamente ao millo, danando 43.000 das 73.000 hectáreas sementadas, cunhas perdas estimadas en 65,5 millóns de euros. Tamén provocou perdas de 38 millóns de euros na pataca da Limia, ao unirse aos asolagamentos das terras que cultivo que xa viñan sufrindo.
Tamén afectou especialmente ao xirasol, a castaña, con perdas de 15 millóns de euros e o 80 por cento da produción estragada, a oliva no sur de Lugo, a mazá ou as producións de horta ao aire libre, que recibiron o impacto dos fortes ventos, precipitacións e asolagamentos.