Elena Espinosa amosa a imaxe da entrada dos Orzamentos nas instalacións do grupo parlamentario ás 10:25 da mañá, cando o conselleiro levaba xa 25 minutos falando
A viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, denunciou hoxe o que considera unha “falta de respecto ao Parlamento e á cidadanía” por parte do Goberno de Alfonso Rueda coa súa forma de presentar os Orzamentos da Xunta para o ano 2025. Durante unha comparecencia tras a celebración da Xunta de Portavoces, Espinosa criticou que o executivo galego optase por un “espectáculo propagandístico”, no canto de seguir o procedemento habitual no Parlamento.
Espinosa anunciou que o PSdeG presentará este luns unha iniciativa para evitar que, no vindeiro ano, o Partido Popular repita esta manobra. “Os orzamentos son un instrumento fundamental que debe ser debatido e analizado no Parlamento, onde todos os grupos políticos podemos facer o noso traballo de control e mellora. O PP prefire evitar o escrutinio, e iso é inaceptable”, subliñou.
Así o dixo logo de amosar unha imaxe da entrada dos Orzamentos do ano 2025 nas instalacións do Grupo Parlamentario ás 10,25 da mañá, cando o conselleiro levaba xa 25 minutos presentando as contas diante dos medios de comunicación
Ademais, a parlamentaria socialista fixo unha dura crítica á baixa execución orzamentaria do goberno de Rueda. A pesar de anunciar cifras récord en moitas áreas, o PP demostra ser incapaz de executar eses fondos. “O certo é que, ano tras ano, deixan millóns de euros sen gastar, mentres a cidadanía segue agardando solucións reais”, sinalou Espinosa. O exemplo máis evidente está na política de vivenda: “Este goberno prometeu solucións para facilitar o acceso á vivenda, pero non executaron nin un só euro do programa de Acceso á Vivenda no que vai de ano”, denunciou.
Para o PSdeG, a situación é especialmente grave tendo en conta as necesidades urxentes da cidadanía en áreas fundamentais. “Están a gastar millóns de euros en propaganda, mentres non se abordan os problemas reais da xente”, engadiu.
Finalmente, Espinosa destacou que o Grupo Socialista estudará en detalle os Orzamentos da Xunta e presentará propostas co obxectivo de garantir que estes recursos sexan utilizados para mellorar a calidade de vida dos galegos e galegas, promovendo o emprego de calidade, o acceso á vivenda e uns servizos públicos fortes e protexidos.