Empraza ao goberno galego a consensuar coa oposición a incorporación de “obxectivos concretos e viables”
A portavoz de Política Exterior do Grupo Socialista, Paloma Castro, advertiu que a Estratexia Galega de Acción Exterior da Xunta de Galicia 2023 – 2027 constitúe unha “declaración de vontade sen un mínimo compromiso”. Así o dixo na comparecencia en Comisión parlamentaria do director xeral de Relacións Exteriores da Xunta, a quen emprazou a aproveitar o trámite parlamentario desta Estratexia para incorporen as propostas da oposición.
Castro ofreceu “man tendida” do PSdeG para “colaborar de forma construtiva nunha estratexia que consiga mellorar de forma efectiva”, e chamou ao consenso político para sumarlle ao documento final “propostas concretas e obxectivos factibles”. Reclamou que a política exterior sexa considerada como unha “política pública de toda Galicia que camiñe cara un maior desenvolvemento e benestar”.
A responsable socialista chamou a mudar a xestión da política exterior do goberno galego, protagonizada pola “escasa coordinación e coherencia” que teñen amosado ata o momento, “dende as convocatorias de subvencións para internacionalización ás viaxes de altos cargos, das visitas de embaixadores e delegacións empresariais á captación de eventos internacional, ou dos irmanamentos ás redes territoriais, todos eles factores que “van cada un polo seu lado”.
Trasladou a súa “desconfianza” diante dos “reiterados incumprimentos da acción exterior da Xunta”, e sinalou como exemplo o Plan de Cooperación Internacional, que malia contar co voto de confianza dos socialistas galegos “vimos no Orzamento deste ano que non se cumprían nin os compromisos económicos asumidos nel nin a progresión orzamentaria que viñan mantendo dende 2017”.