O Grupo Socialista presentou 12 emendas ás normas de funcionamento da comisión co fin de asegurar que sexa “flexible, útil e transparente”
Besteiro preguntaralle ao presidente da Xunta polas prioridades nos Orzamentos da Xunta para resolver os “problemas reais” da cidadanía
A viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, afirmou hoxe, tras a reunión da Xunta de Portavoces, que a Comisión de Investigación sobre a Contratación Pública da Administración Autonómica debe cumprir cos obxectivos para os que foi creada: esclarecer a verdade e garantir que os galegos coñezan a xestión dos contratos públicos. Espinosa subliñou a importancia de que o Partido Popular non vete as comparecencias clave solicitadas polo Grupo Socialista, entre as que destaca a de Beatriz Cuiña, man dereita de Rueda, polos 272 contratos “a dedo” ao seu irmán.
O Grupo Socialista presentou 12 emendas ás normas de funcionamento da comisión co fin de asegurar que sexa “flexible, útil e transparente”. Espinosa advertiu que non permitirán que o PP converta a comisión “nun paripé”, e subliñou a importancia de que non se bloqueen as comparecencias que son esenciais para coñecer a verdade. “Esta Comisión naceu coa misión de sacar á luz o que realmente pasou cos contratos públicos”, dixo Espinosa, insistindo en que “os galegos e as galegas teñen dereito a saber que ocorreu”.
Tras a reunión da Xunta de Portavoces, Elena Espinosa deu conta dos asuntos que o grupo socialista levará a próxima semana a Pleno, na que a Sesión de Control xirará en torno aos Orzamentos debuxados no pasado Pleno por Rueda e que “esperamos que obedezan ás verdadeiras prioridades das galegas e galegos: Vivenda, Sanidade, Educación e Economía”.
Ademais, a viceportavoz socialista sinalou que o PSdeG interpelará polo desmantelamento e manipulación que está a sufrir a CRTVG. Subliñou que os traballadores da cadea pública levan xa 334 venres consecutivos de protestas, unha situación que culminou nunha folga indefinida que o Goberno galego non pode seguir ignorando.
“Estamos a falar dunha manipulación evidente e dunha destrución da produción propia que non se pode permitir”, dixo Espinosa, e advertiu que a Xunta de Galicia debe poñer fin a esta situación de inmediato. Segundo a viceportavoz, o Goberno de Rueda “está mirando cara outro lado” mentres os medios públicos galegos sofren un proceso de deterioración que “é insostible”.
Tamén sinalou que na pregunta urxente, demandarán ao Goberno si vai habilitar axudas directas ao sector agrario polo temporal “Kirk”. Coincidindo co Día Internacional das Mulleres Rurais, Espinosa fixo un recoñecemento ao papel fundamental que as mulleres do rural xogan en Galicia, destacando que moitas veces son “dobremente invisibles”, tanto por ser mulleres como por estar no rural.
A viceportavoz socialista recordou os avances realizados durante a súa etapa como ministra, facendo referencia á Lei de Cotitularidade Compartida, e lamentou que as mulleres rurais sigan sen recibir o recoñecemento que merecen. Espinosa destacou a necesidade de que o Goberno galego actúe de maneira urxente para ofrecer axudas efectivas ao sector agrario, especialmente afectado polos temporais recentes.
“A situación é crítica”, afirmou Espinosa, “e precisamos accións inmediatas que apoien aos agricultores, un sector vital para Galicia”.
Vivenda e transporte: os grandes retos pendentes
No que respecta á vivenda, o Grupo Socialista pedirá explicacións pola falta de xestión e resposta da Xunta en relación ao bono alugueiro porque “moitos expedientes seguen pendentes de resolución e que o sistema de pagos non está a funcionar correctamente”.
“É fundamental que o bono alugueiro chegue ás persoas que o precisan”, afirmou a viceportavoz, criticando que o sistema actual é “unha auténtica chapuza”. O Grupo Socialista pedirá no pleno que se aclaren todos os problemas relacionados co bono e que se dean solucións inmediatas para garantir que os beneficiarios reciban as axudas sen máis atrasos.
Os socialistas tamén levarán a Pleno o transporte público por estrada. Espinosa denunciou que o servizo actual é “ineficiente” e está a prexudicar a miles de traballadores, estudantes e pacientes galegos cada día. A viceportavoz esixiu melloras urxentes e pediu que a Xunta asuma a súa responsabilidade directa nesta área.
“O transporte público non funciona como debería”, afirmou Espinosa, “e pedimos medidas inmediatas para mellorar un servizo que, ademais, non é gratuíto e non está á altura das necesidades dos galegos e das galegas”.