Patricia Iglesias reclama unha minaría “ambiciosa, ordenada, planificada, sensata, con equilibro e mesura” porque “non queremos máis San Finx, máis Corcoestos ou máis Penouta”
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, lamentou o voto en contra do PP á proposta que presentou na Comisión de Industria para reclamarlle á Xunta que actualice o censo mineiro en Galicia, incluíndo unha diagnose dos dereitos mineiros abandonados e inactivos. A responsable socialista urxiu a “frearlle os pés ás empresas mineiras especulativas” porque “non queremos máis San Finx, máis Corcoestos ou máis Penouta”.
Iglesias advertiu que “para iso é imprescindible que o capitán capitanee o barco”, e despregue unha planificación de desenvolvemento do sector “ambiciosa, ordenada, planificada, sensata, con equilibro e mesura”. Reclamoulle que atenda á demanda da Cámara Oficial Mineira de Galicia, que está a reclamar un censo mineiro que actualice en tempo real tódolos dereitos mineiros coa clasificación de recurso e seccións previstos na Lei de Minas.
Ademais, debe incluír un estudo e diagnose dos dereitos mineiros abandonados e inactivos para que a Autoridade mineira declare de forma expresa a caducidade dos dereitos de acordo coa Lei de Minas estatal e a Lei de Ordenación de Minería de Galicia.
Urxiu ao goberno galego a utilizar as súas competencias para despregar unha planificación e cumprimento rigoroso dos requisitos medioambientais na posta en marcha de proxectos mineiros. Apostou por aproveitar a oportunidade para que sexan empregados como piares fundamentais para situar a Galicia como unha rexión industrial avanzada en minerais estratéxicos, que poida “impulsar o desenvolvemento socioeconómico da súa comunidade e facilitar o reto da transición enerxética.
A responsable socialista advertiu que “para facilitar esta transición é imprescindible que se faga sempre con criterios de sustentabilidade ambiental integral, que é onde está a fallar o goberno galego”. Advertiu que “no noso país estanse a colar filiais junior mineiras sen solvencia técnica e económica, que queren especular cos nosos recursos e campan ás súas anchas”, mentres o goberno galego, en lugar de vixiar, ponlles “alfombra vermella”.