Patricia Iglesias advirte que o goberno galego “vai en caída libre” co proxecto da multinacional portuguesa e esixe coñecer os compromisos de financiamento da Xunta e unha xustificación por escrito dos cambios no proxecto
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, advertiu hoxe de que o proxecto de Altri para Palas de Rei abandeirado pola Xunta “non parece cumprir coas condicións de sustentabilidade ambiental, económica e social”. Así o dixo no debate dunha moción na que os socialistas se abstiveron logo de que o BNG rexeitara a emenda socialista para deixar á marxe o apartado que lle esixía á Xunta que rexeitara o proxecto sen tramitar a Declaración Ambiental Estratéxica, que “non é rigoroso nin legal”.
Iglesias subliñou que “nunca nos gustou o proxecto de Altri nada, nadiña”, xa que resulta “moi complicado que estea en condicións de cumprir cos parámetros” de descarbonización, innovación ou economía circular imprescindibles para acceder a fondos europeos.
Puxo en valor o “equilibro e coherencia política” do PSdeG fronte á opacidade do goberno galego, cando “hai máis dun ano que a empresa sabe o que a Xunta quere investir, pero non o sabemos os demais, e as mudas do BNG, a quen lle preguntou “que pensan facer se a Xunta e Europa emiten unha Declaración ambiental favorable”.
A responsable socialista puntualizou que o goberno galego “vai en caída libre” co proxecto industrial, polo que defendeu unha emenda para reclamarlle á Xunta que explique as liñas de financiamento ou axudas públicas con fondos propios do goberno galego ten previsto para a empresa. Así o dixo logo de que o CEO da empresa sinalara en reiteradas ocasións que o proxecto dependía de que houbera 250 millóns de euros de fondos europeos.
Tamén lle esixiu unha explicación “por escrito” dos “avances e modificacións do proxecto empresarial vinculado a Altri” e os seus “bailes de cifras de emprego” dende o primeiro anuncio do proxecto ata hoxe. Iglesias esixiulle ao goberno galego que garanta o cumprimento rigoroso dos requisitos esixidos pola lexislación ambiental, así como a avaliación por parte da Xunta do principio de “non causar ningún prexuízo significativo ao medio ambiente”.