O secretario xeral do PSdeG asegurou que vixiará dende o Parlamento que a Xunta cumpra débedas históricas coma a dragaxe da ría, unha actuación “que desapareceu dos Orzamentos dende o 2022” e para a que reclamou unha partida nas contas do 2025
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou hoxe durante a súa visita a Pontevedra o “escapismo” que a Xunta de Galicia fai respecto de proxectos comprometidos que sistematicamente está a deixar nos caixóns. En declaracións aos medios no Club Naval, puxo como exemplo a recuperación da ría. Lembrou que “foi das primeiras promesas que fixo o PP na cidade” ao chegar ao Goberno, e que tivo o mesmo resultado que “outras que fixo por toda Galicia”.
“A dragaxe do Lérez debe ser unha realidade. Que se deixen de escusas”, dixo Besteiro nunha comparecencia na que estivo acompañado, entre outros, polo portavoz do Grupo Municipal, Iván Puentes, e a deputada no Parlamento galego Paloma Castro.
O líder socialista contrapuxo o xeito de actuar da Xunta con outras administracións. Así, mentres o Executivo de Rueda castiga a Pontevedra “cunha falla de investimentos palmaria e notoria”, o Estado desenvolve proxectos como a deputadora da parte norte da ría, o nó de Bombeiros para o acceso á AP-9 ou a A-57, “obras de importante calado en todos os ámbitos”, xa que “incluso no eido sanitario” o Goberno central se encarga de “necesidades que ten que enfrontar a propia Xunta”, como fixo ao acudir “en auxilio” de actuacións coma a do Hospital Montecelo.
José Ramón Gómez Besteiro comprometeuse a que os socialistas vixiarán dende o Parlamento que nos Orzamentos do 2025 se recupere o investimento para a dragaxe da ría pontevedresa, “que desapareceu a partir do 2022”. “Farémolo coa proposta de que se actualice o proxecto e que se dispoña unha partida importante para o verquido dos lodos”, engadiu antes de sinalar que “calquera pode comprobar con marea baixa a situación real deses lodos, que cada vez van subindo máis de nivel” e facendo inoperativo “o luxo que supón ter pantaláns e un náutico xusto pegado ao casco urbano”. Por iso, Besteiro lamentou que se estean a perder oportunidades económicas, tanto nese eido coma para o marisqueo, pero tamén incidiu sobre as consecuencias medioambientais.
“Nos Orzamentos do 2025 vaise retratar todo o mundo. Esperemos que aparezan esas partidas para poñer fin a unha verdadeira aldraxe”, insistiu, e avisou ao Goberno de Rueda de “que se deixe de escusas” respecto de quen debe determinar onde se depositan os lodos. “A responsabilidade é exclusivamente da Xunta. Despois o Estado ten que establecer as condicións”, sentenciou. “É a típica escusa do PP, non só en Pontevedra: sempre busca un responsable”, advertiu.
Nesa liña, Iván Puentes lamentou tamén que a Administración autonómica leve máis de dez anos “utilizando todo tipo de escusas” e “mareando a perdiz” para non resolver o que considera “unha das necesidades básicas da cidade”, e cortando “oportunidades de desenvolvemento” para crear emprego e riqueza.
Entre os investimentos do Goberno socialista que Besteiro confrontou coa falta de gasto da Xunta en Pontevedra figuran os 31 millóns de euros en proxectos que xa están a transformar a cidade, aos que se engaden outros 25 que o Executivo central xa ten comprometidos. Dese total de 56 millóns, 29 corresponden ao Plan de Recuperación, con iniciativas para o fomento dun transporte sostible, a modernización dixital ou a mellora da biodiversidade. Pola contra, tal como lembrou o secretario xeral, o PP gardou nun caixón todo o que prometeu. O investimento histórico do Goberno de Pedro Sánchez na cidade tamén se pode trasladar ao conxunto da provincia, unha das máis beneficiadas de España polos fondos do Plan de Recuperación.
No tocante á sanidade, transferírionse 38,5 millóns para as obras do Hospital Montecelo, aos que se uniron investimentos en equipos de alta tecnoloxía que suman preto de 10 millóns. En infraestruturas, estase a executar o proxecto do nó de Bombeiros, cun orzamento de 9,5 millóns, a autovía A-57, cun investimento de 336,5 millóns, e o Arquivo Provincial, por valor de 15 millóns. Finalmente, en canto a sustentabilidade e transición ecolóxica, investíronse 23 millóns e están comprometidos 25 máis para o proxecto Pontevedra Flúe.