Paloma Castro leva ao Parlamento a “situación desastrosa” da vía polo “abandono da Xunta de Galicia durante unha década”
A Comisión de Obras Públicas do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que mellore a seguridade viaria na PO-213, que transcorre entre A Estrada e Ponte Ulla -Vedra-. A parlamentaria socialista Paloma Castro presentou esta iniciativa para resolver a “situación desastrosa” desta vía autonómica “polo abandono durante unha década” por parte do goberno galego.
Castro reclamoulle á Xunta que inicie canto antes as obras de mellora da seguridade nunha estrada de 15,35 quilómetros entre A Estrada e o cruce coa N-525 en Ponte Ulla pola que circulan máis de 1.000 vehículos ao día. Castro advirte que a veciñanza de Vedra e A Estrada “ten dereito a transitar por estradas seguras”, sinaladamente por esta vía, que constitúe a “columna vertebral da vida destes territorios”, ao cruzar multitude de núcleos rurais dos dous concellos.
A parlamentaria socialista reclama que incrementen o ancho da calzada, incorporando biondas de seguridade, beiravías e beirarrúas, xa que actualmente o seu ancho é insuficiente para o volume de tráfico que soporta e a velocidade permitida. Diante do elevado número de curvas, solicita que se supriman alá onde sexan posibles, ademais do reforzo das pontes de pedra antigas, sinaladamente a Ponte das Covas e a Ponte Nogueira, que actualmente están moi danadas.
Tamén solicita a substitución do firme da calzada, que actualmente atópase “parcheado e con zonas afundidas”, e que despreguen o mantemento axeitado que elimine o exceso de maleza nos prazos establecidos na normativa de prevención de incendios forestais.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta a:
Previo estudo da situación actual do trazado da PO-213, levar a cabo as medidas necesarias para mellorar a seguridade viaria, como incrementar o ancho do firme, a mellora do seu trazado e mellorar a calidade do firme e incrementar a periodicidade do mantemento que elimine o exceso de maleza”.