Paloma Castro sinala que a xestión do goberno galego “demostra unha falta de prioridade absoluta na loita contra a violencia de xénero”
A portavoz de Xustiza e Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle hoxe ao goberno galego que “deixen de poñer barreiras para a correcta atención das vítimas de violencia sexual”. Castro presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para esixirlle á Xunta que poña en marcha os 5 centros de crise 24 Horas de atención ás vítimas de violencia sexual comprometidos antes de que remate o ano.
Castro alertou de que a xestión do PP na Xunta de Galicia segue a mesma folla de ruta de diversos gobernos autonómicos nos que están a demostrar “unha falta de prioridade absoluta na loita contra a violencia de xénero”. Sinala que estes dispositivos garanten acompañamento e atención telefónica, telemática e presencial as 24 horas do día 365 días do ano, facilitando atención psicolóxica, xurídica e social con persoal cualificado.
Lembra que o goberno galego comprometeuse a comezos de 2023 a crear estes centros, cofinanciados polo goberno do Estado con 5,8 millóns de euros procedentes da UE, adscritos aos centros sanitarios en Lugo, Ferrol, Ourense, Santiago e Vigo. A condición para recibir a inxección de orzamento era que estiveran en funcionamento antes de 2025, pero “estamos a 3 meses de que remate o prazo e ningún deles está a funcionar”.
A parlamentaria socialista alertou do prexuízo que suporá a perda deste investimento, asignado a Galicia polo goberno central, non só polo diñeiro que supón, senón porque suporá furtarlle ás vítimas de violencia sexual un recurso fundamental. Advertiu que neste momento a primeira asistencia ás vítimas de violencia sexual “non é adecuada” en Galicia por falta de protocolos ou descoñecemento dos mesmos, pola saturación do servizo ou por mera descoordinación coa policía.
Neste sentido, reclamoulle á Xunta que desenvolva canto antes un Plan urxente contra a violencia de xénero centrado na prevención e na educación, que incorpore campañas de información e sensibilización sobre violencia machista e recursos para a súa identificación, así como e servizos dispoñibles aos que as posibles vítimas poidan acudir. Tamén pediu o incremento de programas de formación en igualdade e prevención da violencia machista na sanidade, educación ou xustiza.
Urxiu a elaborar un protocolo específico que constitúa unha guía sinxela e clara, para que os membros da comunidade educativa dispoñan duns criterios orientadores e uns procedementos de actuación claros e completos diante de posibles casos de abuso sexual a menores. Castro defendeu a implantación seria e obrigatoria da educación sexual nos ciclos de Infantil e Primaria, o control de acceso á pornografía e a abolición da prostitución.
A responsable socialista alertou do incremento progresivo de casos de violencia de xénero no Estado e tamén en Galicia, con 163 casos máis entre 2022 e 2023, que obrigan a reforzar e incrementar as medidas postas en marcha para protexer ás vítimas.