Critica que a delegación de competencias da Xunta aos concellos sen aportar financiamento pon en perigo a prestación de servizos
Acusa ao goberno galego de converter aos concellos “nos ‘after’ da administración” pendentes dos ordenadores ás 12 da noite para poder acceder ás axudas
A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, denunciou hoxe que a Xunta “nin está nin se lle espera” no financiamento local. A responsable socialista presentou unha Interpelación no Pleno do Parlamento na que alertou de que o abuso da delegación de competencias da Xunta aos concellos sen incluír o financiamento necesario está a poñer en perigo a prestación de servizos básicos polas entidades locais.
A responsable socialista criticou que o financiamento local “non é un asunto prioritario para o PP nin para Alfonso Rueda, non lles preocupa, e polo tanto non lles preocupan os 313 concellos de Galicia nin os veciños e veciñas que non están na súa folla de ruta nin na súa axenda política”.
Criticou que o conselleiro da Presidencia evitara explicar que cantidade dos 600 millóns de euros que entregan cada ano aos concellos son repartidos pola vía do Fondo de Compensación Local e canto a través de subvencións directas e indirectas repartidas de forma discrecional. Acusou ao goberno galego de beneficiar a alcaldes e alcaldesas “con pedigrí” do PP pola vía da subvención ou o convenio mentres prexudican ao resto de formacións políticas.
Méndez mesmo ironizou coa práctica do goberno galego de transferir axudas aos concellos pola vía de subvencións por orde de solicitude, obrigando aos alcaldes e aos funcionarios a estar “pegados ao ordenador ás 12,00 da noite” co risco de perder a axuda e “convertendo aos concellos nos ‘after’ da administración”.
Recadar impostos
Lara Méndez acusou ao goberno galego de “recadar impostos utilizando aos concellos como intermediarios”, obrigándoos a recadar o canon de Sogama ou da auga mentres lles retira recursos. Criticou neste sentido que o goberno galego recade a totalidade do canon de Sogama, imposto por Bruxelas como castigo por incinerar e enterrar residuos, e anuncien unha bonificación do 60 por cento pero agochando que se quedan co 40 por cento restante.
No caso do canon da auga, mentres os concellos lle entregan ao goberno galego a totalidade do que lles recadan aos cidadáns, a Xunta reverte os ingresos de maneira discrecional e arbitraria, de forma que concellos como o de Lugo entregou 12 millóns en 11 anos, dos que non recibiu de volta nin un só euro.
Acusou á Xunta de “asfixiar” aos concellos con competencias que en realidade lle corresponden ao goberno galego, como o caso das escolas infantís, os comedores escolares, o mantemento dos colexios e dos centros de saúde, as políticas de emprego, a limpeza das faixas de protección forestal, a retirada de niños de velutina ou o Servizo de Atención ao Fogar. Criticou que obrigan aos concellos a asumir competencias impropias “sen compensación nin equiparación da Xunta”.