Julio Abalde reclamou que se incrementen tamén as prazas de especialidades e reforzos, “que garanten a calidade, a inclusión e a atención ao estudantado con necesidades especiais, sobre todo no rural e nos concellos que deben facer fronte ao reto demográfico”
O deputado do PSdeG advertiu sobre a redución do persoal docente nos últimos anos, contra a que se están a producir este inicio de curso “numerosas mobilizacións e protestas das comunidades educativas”
O portavoz de educación do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Abalde, reclamou hoxe que, “ante a previsible supresión da taxa de reposición” que no seu día impuxo o Goberno de Mariano Rajoy, a Xunta “non só recupere o cadro de persoal de profesorado, senón que xere un incremento efectivo en educación primara e secundaria”.
A través dunha proposición non de lei, o deputado socialista defendeu tamén a creación de prazas de especialistas e reforzos “que garantan a calidade, a inclusión e a atención ao estudantado con necesidades especiais, sobre todo nos centros do rural e dos concellos que teñen que facer fronte ao reto demográfico”.
Abalde apuntou que este inicio de curso estanse a producir “numerosas mobilizacións e protestas das comunidades educativas”. Entre as causas, sinalou “a non aplicación dos necesarios desdobres como consecuencia das novas ratios acordadas cos representantes dos traballadores” e a redución de efectivos de profesorado especialista, tanto de pedagoxía terapéutica como de audición e linguaxe, mentres se incrementa nas aulas a proporción de alumnado con necesidades especiais.
O portavoz de educación criticou que o conselleiro anunciase para este curso o que cualificou de “maior número de profesores da historia de Galicia”, cifra na que incluíu máis de 400 profesionales de reforzo contratados “ao abeiro dos plans de atención a alumnado con necesidades especiais”, pero “hai que recordar que proceden en gran parte do programa PROA+, financiado na súa totalidade polo Goberno de España e cunha duración de catro cursos”. Por tanto, non se trata de profesorado estable, destacou.
Pese a que esas cifras “poden soar moi positivas” fóra de contexto, a realidade é que o pretendido aumento do número de docentes responde ao antedito programa e aos de reforzo das competencias nas matemáticas e lingüísticas, “financiados ambos polo Goberno central”, e ese persoal “non pode substituír nin ao profesorado nas aulas nin aos especialistas”. Por todo elo, “estamos ante un estancamento do número de efectivos”.
Un problema que data da precarización do emprego público que promoveu Rajoy
Esta situación, lembrou Julio Abalde, “prodúcese despois da política desenvolvida polo Goberno do PP de Mariano Rajoy a partir do 2011”, cunha contención dos recursos humanos nos servizos públicos que tivo como consecuencia “a redución e precarización” dos cadros de persoal. Dende entón, estase a producir un descenso do número de docentes que non se compensa coas convocatorias. Na última, que se pechou coa incorporación de 1.600 novos profesores que cubren xubilacións de cursos anteriores, quedaron vacantes un número elevado de prazas.