A deputada Patricia Iglesias preguntouse no Parlamento se “pode haber abuso ou trato de favor en 1.311 facturas asinadas entre 2018 e 2023” a favor de firmas vinculadas á familia de Feijoo e se “pode haber fraccionamento cando se repiten contratos menores co mesmo obxecto e co mesmo órgano de contratación cortándoos de forma repetitiva”
O Grupo Parlamentario Socialista levou hoxe no pleno da Cámara galega unha serie de medidas para mellorar a transparencia nos contratos menores da Xunta de Galicia. A proposta, que defendeu Patricia Iglesias a través dunha proposición non de lei, incluía unha redución do emprego do contrato menor, a planificación da actividade contractual, garantir unha mínima concorrencia de empresas en detrimento da exclusividade e depurar o rexistro autonómico de contratos do sector público.
A deputada lembrou que a contratación pública representa arredor dun 20 % do PIB, polo que é necesario “que o Goberno galego dea un paso decisivo para mellorar a transparencia dos contratos menores”, eses contratos “a dedo” que nalgúns casos “amosan un fío condutor preocupante ao haber lazos persoais cos gobernos de Feijoo e de Rueda”. Tamén recordou que a menor representa cerca do 40 % de toda a contratación da Xunta, que se move “no ámbito da pura decisión política discrecional”.
Por todo o anterior, asegurou Iglesias, é necesario “fortalecer a nosa democracia, as nosas institucións e pular por unha política mis transparente, limpa, honesta e propositiva”.
As actuais fontes de información e publicidade do Goberno galego “distan moito da transparencia efectiva”, cunha plataforma de contratos, un rexistro e un portal de transparencia que non son homoxéneos nin ofrecen datos coincidentes, algo “intolerable e moi grave”. Por iso é necesario un sistema que ofreza información en tempo real, con datos abertos e reutilizables, sobre os contratos menores que adxudican a diario as máis de 70 entidades da Xunta.
Por outra banda, confiou en que o PP non use a “apisonadora da maioría absoluta” para torpedear a comisión de investigación que vai indagar sobre o trato de favor a determinadas compañías. Segundo expuxo, hai indicios tales como “o incremento significativo do importe adxudicado nos últimos anos, dende que Feijoo presidiu a Xunta”, ou o “favoritismo na contratación a dedo con firmas cun vínculo familiar e persoal e, por tanto, cun conflito de intereses non xestionado”. Traducido a números, serían 1,6 millóns en 124 contratos a dedo dende Xaneiro deste ano, aos que se suman 1.311 facturas por case 5 millóns asinadas entre 2018 e 2023, o cal “se agrava” se se teñen en conta procedementos nos que habería que investigar se se partiron contratos para que quedaran en importes inferiores a 15.000 euros, co fin de evitar concursos públicos.
Entre as medidas que se deben adoitar para rematar con esas prácticas, Patricia Iglesias propuxo “non acudir ao contrato a dedo para os que responden a necesidades recorrentes e periódicas”, planificar a actividade contractual da Administración “identificando as necesidades que se van reiterar ao longo dun exercicio”, garantir “unha mínima concorrencia ou promover a publicidade previa dos contratos menores para que calquera empresa poida presentar oferta” ou “depurar as incorreccións” que se producen na base de datos do rexistro de contratos do sector público coa plataforma de contratos e co portal de transparencia.
Trátase, insistiu a deputada do Grupo Socialista, “de exemplaridade, de integridade, de transparencia e de rexeneración democrática”, e preguntouse se “pode haber abuso ou trato de favor en 1.311 facturas asinadas entre 2018 e 2023 polo Goberno galego por 5 millóns de euros a favor de empresas do mesmo grupo”.
Tamén incidiu sobre se “pode haber fraccionamento cando se repiten contratos menores co mesmo obxecto, co mesmo órgano de contratación cortando de forma repetitiva, por exemplo, en contratos de servizos de seguridade do Sergas, en servizos de limpeza de escolas infantís ou nos servizos de azafatas e figurantes da CRTVG”.
En canto ao posible trato de favor a determinadas compañías, sinalou, como exemplo, que durante a pandemia da covid se contratou por emerxencia cunha firma que carecía de solvencia técnica para facer o rastreo de casos da enfermidade, unha compañía “á que se lle adxudicaron máis de 14 millóns de euros nese período”.
Tócalle á Xunta, dixo, apostar por unha política “máis transparente, limpa, honesta e propostiva ao servizo do interese xeral”, afastada do “anel de invisibilidade” baixo o que opera na actualidade.