Carmen R. Dacosta alerta das consecuencias dos recortes de Feijóo e Rueda e reivindica “un servizo sanitario digno” para unha poboación que “merece a mesma atención que no resto de Galicia”
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta esixiulle á Xunta que cubra de urxencia a praza de médico que quedou vacante en Lobios dende outubro do ano pasado, hai case un ano. Dacosta presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade do Parlamento, na que alertou das consecuencias directas dos recortes de Feijóo e Rueda sobre a perda da calidade na atención sanitaria no concello.
A responsable socialista explicou que logo da baixa dunha das dúas médicas do Centro de Saúde de Lobios, quedou “unha sola facultativa ten que atender a todo o municipio e realizar o traballo de dúas facultativas”. Iso supón que atende a máis de 1.700 persoas, que quedan sen profesional sanitario cando a médica e a enfermeira teñen que realizar un desprazamento preceptivo, ou cando o verán pasado tivo que se desprazar a cubrir as vacacións da médica de Muíños.
Dacosta esixiulle ao goberno galego que cumpra co seu compromiso de asignar un novo profesional sanitario ao concello, que cando se coñeceu a noticia da baixa dixeron que contratarían “en semanas”, pero a realidade é que “levan un ano incumprindo a súa palabra”. Alerta que esta situación está a saturar á única profesional que atende o centro de saúde en condicións precarias, “para que despois se sorprendan de que teñan dificultades de contratar profesionais”.
A parlamentaria socialista sinala que estas son as consecuencias da xestión dun PP que leva “15 anos de abandono e presumindo de austeridade”, cun financiamento “deficiente”, segundo Amnistía Internacional, que alerta da falla de recursos no servizo. Esixiulles que “deixen de botar balóns fora” e tomen medidas urxentes para atender un servizo que “fai augas por todos lados” como consecuencia dunha “xestión moi deficiente”.