Impulsará para recuperar a Xunta o modelo de proximidade das alcaldías socialistas fronte a un Goberno de Rueda máis atento aos problemas de Feijóo que á cidadanía
Lanza “Socialistas con raíz”, unha imaxe renovada e moderna que reforza os valores “recoñecidos e recoñecibles” dun partido útil
Anuncia o primeiro dos “Diálogos con raíz”, cos que construirá o proxecto político plural da man da sociedade, e que se centrará este sábado no reto demográfico
O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, lanzou hoxe a nova imaxe que impulsará nos vindeiros meses o proxecto do PSdeG, que xa é a “verdadeira referencia da esquerda para o 50 % da poboación”, coa vista posta no Congreso Nacional que o partido celebrará no primeiro trimestre do 2025. “Socialistas con raíz” é o lema que a acompañará.
O líder socialista explicou durante un encontro cos medios celebrado esta mañá que a referencia será o modelo de proximidade das alcaldías do PSdeG, fronte a un Goberno de Rueda máis atento aos problemas que lle traslada Feijoo desde Madrid que aos que de verdade afectan e importan á cidadanía.
Tras a reunión de alcaldes e alcaldesas socialistas do pasado martes, na que, entre outros asuntos, se abordou o financiamento local, Besteiro sinalou que esa política de proximidade, “a primeira porta á que peta un veciño” para formular as súas necesidades “reais”, é a que se asocia ao PSdeG e a que quere trasladar ao ámbito autonómico con “ambición” e defendendo as políticas progresistas, transformadoras e feministas.
“Defendemos un novo modelo”, asegurou respecto do financiamento das administracións, na senda que tomou o Goberno central (“o que máis fondos trasladou aos concellos e ás autonomías”, apuntou) para atender as necesidades específicas de cada territorio. Insistiu en que parámetros como a despoboación, o envellecemento e a dispersión da poboación “condicionan a prestación dos servizos”. Pero tamén sinalou que o financiamento debe responder ao nivel de competencias que se asumen, as que agora “non temos pero queremos ter, porque esa é a aposta polo autogoberno que tamén defende o Partido Socialista”.
Por outra banda, apelou á corresponsabilidade fiscal e invitou a “poñer fin á hipocrisía do PP”, que bonifica impostos nas comunidades ao tempo que lle reclama maior financiamento ao Estado. Dentro desas contradicións dos populares, destacou tamén a posición dun PP que se opoñía “radicalmente” á condonación da débeda das autonomías.
“Eu quero que se fale da condonación da débeda”, remarcou o secretario xeral sobre o encontro entre Rueda e Pedro Sánchez, poñendo o foco sobre a medida en si mesma, en contra das escusas ás que se “aferrou” o PP coa simple intención de “facer seguidismo da política de Feijoo”.
Lamentou tamén que os populares, mentres empregan o financiamento autonómico como ariete contra o Goberno de España, ignoran o financiamento local e as competencias impropias que asumen os concellos, ou subas de taxas como a que agora mesmo vai aplicar Sogama, “que van dirixidas a penalizar a toda a cidadanía sen discusión de ningún tipo”.
Fronte a ese panorama, “nós imos construír e texer un novo horizonte”, afirmou José Ramón Gómez Besteiro. Nese senso, unha das iniciativas que se van desenvolver ao longo dos próximos meses para reforzar o proxecto socialista é o ciclo de debates abertos á cidadanía “Diálogos con raíz”, que contarán coa participación de expertos de diferentes ámbitos, “non necesariamente vinculados ao partido, porque queremos que participe toda a sociedade”.
A primeira das xornadas, centrada no reto demográfico, celebrarase este sábado en Celanova. Seguirana outros encontros sectoriais nos que se abordarán cuestións como a transición enerxética, o financiamento autonómico e local, a igualdade, a sanidade, a dependencia e o resto dos servizos públicos. Estes encontros, intercalados co traballo no programa político do Congreso Federal, servirán para construír un proxecto político plural e enriquecer o relatorio do Congreso Nacional, explicou Besteiro.
En canto á nova imaxe que acompañará ao partido nese proceso, incorpora, ademais de manter a tradicional cor vermella asociada ás políticas progresistas, o azul como referencia á relación do PSdeG co territorio, ao proxecto galeguista, pero tamén o violeta como símbolo da tradición feminista do Partido Socialista. O lema asociado, “Socialistas con raíz”, apunta á base municipalista e galeguista do PSdeG.