Carmen R. Dacosta lamenta a falla de apoio e compromiso do goberno galego, que supuña asumir entre o 20 e o 30 por cento das axudas para un sector que representa 40.000 empregos
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta reclamoulle hoxe ao goberno galego que asuma a porcentaxe complementaria da liña de axudas europeas xestionadas polo goberno de Pedro Sánchez para a incorporación de novas tecnoloxías ao pequeno comercio.
Dacosta presentou unha proposición non de Lei en Comisión parlamentaria para pedirlle ao goberno galego apoio para un sector que representa o 13 por cento do PIB de Galicia e supón 40.000 empregos en 20.000 comercios en toda Galicia. A responsable socialista lamentou a “mostra de miopía” do PP, que se votou en contra desta proposta que buscaba a “implicación clara e directa do goberno galego para fortalecer un sector fundamental para Galicia”.
Os socialistas galegos pedíanlle á Xunta que asumira entre o 20 e o 30 por cento destas axudas que quedan fora do financiamento europeo, que si que asume entre o 70 e o 80 por cento do investimento total.
Explicou que este apoio, que é relativamente pequeno con relación ao investimento total, e “absolutamente asumible para o goberno galego”, resulta inalcanzable para os pequenos comercios, o que provoca que “en moitos casos non podan concorrer aos fondos por non ter a capacidade de aportar a parte que lles correspondería”.
Subliñou que “o compromiso demóstrase con feitos e non con palabras, e as boas intencións teñen que vir da man de compromisos reais”, antes de criticar que o goberno galego “di que apoia ao sector sen poñer enriba da mesa ningunha medida” e advertiu que “non se entende esta negativa do PP” e do goberno galego.