Julio Abalde leva ao Parlamento as protestas da comunidade educativa de Rianxo polas “importantes deficiencias” nos centros
Apunta que as eivas xeneralizadas nas infraestruturas e as deficiencias nas dotacións de profesorado nos centros de toda Galicia ofrecen unha realidade “moi distinta dos anuncios da Consellería de Educación”
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Julio Abalde, levou hoxe ao Parlamento a falla de profesorado especializado e as eivas nas infraestruturas nos CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Xosé María Brea Segade e Ana María Diéguez de Rianxo. Abalde presentou unha pregunta oral na Comisión de Educación coas principais demandas da comunidade educativa da localidade.
O responsable socialista esixiulle á Consellería de Educación que atenda ás demandas que veñen reiterando as familias dos tres centros educativos dende antes do inicio do curso pola falta de investimento en infraestruturas, as carencias en seguridade e o incumprimento da normativa de accesibilidade. Tamén alertan da falta de profesorado especializado, sinaladamente especialistas en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe.
Abalde explicou que o CEIP Brea Segade de Taragoña, só ten un profesor de Audición e Linguaxe dous días á semana para atender a 18 nenos e nenas con necesidades especiais, 10 deles no mesmo curso. Sinalou que o CEIP Rodríguez Castelao ten sen cubrir unha praza de Pedagoxía Terapéutica vacante dende que o titular entrou en comisión de servizos, ademais de que seguen sen asignar un profesor especialista en inglés.
Por outra banda, no CEIP Ana María Diéguez, de Asados, hai un aula con 28 nenos e nenas sen desdobrar incumprindo as ratios, e malia que solicitan especialistas en Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe, orientador titular e profesor de apoio para Primaria só lles envían un profesor a tempo parcial, dixo o parlamentario socialista.
En canto ás infraestruturas, advertiu que no CEIP Castelao teñen rampla de acceso pero non hai ascensor para acceder ás plantas superiores, o CEIP Ana María Diéguez carece de aula adecuada de Audición e Linguaxe e Pedagoxía Terapéutica, e o Brea Segade, que tampouco ten ascensor, aínda ten pendente a solución definitiva da caldeira e a instalación eléctrica.
Situación xeneralizada
Julio Abalde alerta de que a situación de Rianxo está a se repetir ao longo de toda Galicia, como veñen denunciando tódalas anpas, e puxo como exemplos os centros de Cee, Cerceda, Laxe, Boiro, Ferrol, Lousame, Valdoviño, A Cañiza ou Vigo, “por citar só algúns deles”.
Apuntou que a realidade das eivas en infraestruturas e as deficiencia nas dotacións de profesorado están a desmentir os anuncios da Consellería de Educación sobre a calidade educativa de Galicia e ofrecen unha realidade “moi distinta”. Advertiu así que o seu anuncio do Plan Mega, que inclúe o programa Proa+ financiado polo goberno central cunha dotación que deberan dedicar a profesorado de reforzo, “non da resposta adecuada e suficiente ás necesidades dos centros, sobre todo nas zonas do rural”.