Carmen Dacosta acusa á Xunta de “velar polos intereses privados” ao dar un “perigoso paso atrás” na protección dos MVMC
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen R. Dacosta, acusou hoxe ao goberno galego de ter “abandonado e infraulizada” á terceira parte da superficie forestal galega, que se atopa baixo o réxime de Montes Veciñais en Man Común -MVMC-. Dacosta presentou unha pregunta oral na Comisión de Agricultura na que acusou ao goberno galego de desatender estes montes para “velar polos intereses privados”.
A responsable socialista urxiu ao goberno galego a actualizar a normativa que regula aos MVMC, que data de 1989, e lembrou que o PP leva anos adiando esta regulación, que se comprometeran a actualizar nas conclusións da Comisión de Estudo convocada a raíz dos incendios forestais de 2017. Lembrou que o propio goberno galego se comprometera a actualizar a regulación destes montes no ano 2020, a comezos da anterior Lexislatura, sen que teñan feito nada ata hoxe.
Criticou que no canto de reforzar e actualizar a regulación, empregaron as leis de acompañamento aos Orzamentos, sinaladamente a de 2021, para despexar a instalación de parques eólicos en MVMC, demostrando que “sempre velan polos intereses privados, dando un perigoso paso atrás na protección” destes terreos. Actualmente, os MVMC están “presos do abandono do PP, sen plans de ordenación e sen constituír o recurso económico e social que deberan ser”.
Carmen Dacosta salientou a importancia dos MVMC como recurso social e económico, e advertiu que “constitúen unha figura que debe incidir de forma decisiva na economía da Comunidade Autónoma”, e que permanecen infrautilizados polo “conformismos e inmobilismo deliberado” do goberno galego.