O eurodeputado socialista reclámalle á Xunta que faga o seu traballo e cumpra coas obrigas de planificación e participación pública nos novos desenvolvementos renovables recolidas na nova directiva de renovables
O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, lamentou esta mañá o “ridículo” no que incurriu a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, ao acudir hoxe a Bruxelas para intentar que a Comisión Europea presione ao Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea (TXUE) ante o parón eólico en Galicia.
Así o aseverou González Casares logo da reunión mantida esta mañá pola conselleira co director xeral do Servizo Xurídico do Executivo comunitario, reunión que, na súa opinión, só serviu para constatar o “descoñecemento profundo das institucións comunitarias e das súas responsabilidades” que afecta ao Goberno galego. “Afirmar que se ven a Bruxelas a falar coa Comisión para que presione ao TXUE nun asunto que está estudando é dunha torpeza manifesta e proba a tendencia innata do PP á inxerencia”, indicou.
Para o eurodeputado galego, a Xunta debe deixar de botar balóns fóra en relación ao parón eólico en Galicia, dado que se Galicia caeu á cuarta posición en implantación eólica “é pola oposición e falta de planificación do PP en materia de renovables con Feijo e con Rueda”. “O que debe facer a Xunta é poñerse as pilas e aplicar o pacto eólico promovido polo PSdeG-PSOE para unha implantación sustentable, que teña en conta ao conxunto da sociedade”, aseverou.
Casares incidiu en que, en materia eólica, “o PP non sabe nin de onde sopla o vento” e recomendoulle á conselleira que consulte a nova directiva de enerxías renovables, aprobada o ano pasado e da que el mesmo foi ponente socialista, para que entenda “a dirección tomada por Europa e as obrigas da Xunta”.
“A conselleira veu a Bruxelas para que a Comisión lle acabara lendo a cartilla sobre as obrigas establecidas na nova directiva de renovables, por exemplo en canto aos criterios para planificar e autorizar o desenvolvemento renovable, fixados na nova directiva, como o establecemento das áreas de aceleración, que debe estar para a próxima primavera. Máis que vir a preguntar, a conselleira debería estar traballando en todo isto”, remarcou.
Igualmente, Casares recordoulle á conselleira que o que debe facer é aplicar a clásula de participación pública nos novos desenvolvementos renovables recollida na directiva, cláusula que se incluiu na mesma grazas ás enmendas do PSdeG-PSOE, “enmendas que o PP votou en contra”. “Faría ben a conselleira en tomar nota diso para o futuro e coordinarse mellor nas posicións do PP para non facer o ridículo en Bruxelas”.
Finalmente, o eurodeputado socialista lamentou que a conselleira non aproveitara a visita para interesarse cómo avanza o procedemento de infracción polo incumprimento, por parte da Xunta, dos requisitos de protección ambiental dos espazos protexidos galegos, como a Rede Natura.