Considera “surrealista” que o goberno galego critique a transferencia de 1,5 millóns de euros do Estado para atender aos menores
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, denunciou hoxe a “actitude xenófoba” do PP ao “deshumanizar” aos menores migrantes para “embarrar o terreo” e atacar ao Estado. Castro presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que cualificou de “surrealista” que a Xunta considere insuficiente que o Estado entregue 1,5 millóns de euros para atender a 26 menores.
Castro criticou os discursos “xenófobos e desprezables” vertidos polo PP cando, lembrou, o ex parlamentario autonómico Miguel Tellado falaba de enviar ao exército contra as embarcacións de inmigrantes, Ayuso sinalaba que “hai migrantes de primeira e de segunda” e Feijóo os vincula coa delincuencia e a inseguridade”.
A responsable socialista lembrou que a atención aos menores é competencia da Xunta, que “dende un primeiro momento puxo obstáculos para a súa recepción”. Castro afeoulle as críticas ao goberno por enviar un millón e medio de euros para atender aos primeiros 26 menores, ou “precipitarse a afirmar que chegaron 15 menores mesturados entre os maiores sen facerlles ningún tipo de proba”.
Paloma castro esixiulle á conselleira de Política Social que deixe de buscar críticas ao goberno central e se centre en “mellorar a atención social que precisan incrementando un persoal que está totalmente infradotado”. Sinalou que os 54 menores en total que aceptou Galicia é “unha cifra moi pequena” tendo en conta o “colapso” dos territorios de entrada e a capacidade real que ten esta Comunidade Autónoma.
Acusou ao goberno galego de romper coa solidariedade e a equidade entre territorios ao negarse a apoiar a reforma da Lei de Estranxeiría, amosando “unha total incongruencia e hipocrisía”, cando o PP vota en Europa a favor do Pacto europeo de inmigración e asilo ou da reforma do Regulamento de estranxeiría.