Elena Espinosa esíxelle ao goberno galego que cumpra cos obxectivos previstos para o centro incrementando persoal e prazas hospitalarias
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, denunciou hoxe que a “ansia privatizadora” do PP levoulles a “dilapidar 470 millóns de euros” de sobre custe na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro que “foron a parar a mans dun fondo especulador”. Espinosa presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para reclamarlle que cumpra cos obxectivos previstos no proxecto orixinal.
Acusou ao presidente da Xunta de “esconderse” para non dar conta do sobre custe detectado polo Consello de Contas e reclamoulle que explique “por que o PP privatiza en beneficio duns poucos e en contra de todos os galegos e galegas”. Dixo que a cidadanía “ten dereito a que rectifiquen e incrementen a actividade cirúrxica no Álvaro Cunqueiro un 10 por cento, aumenten as prazas do hospital de día e que pase a ser referencia de cirurxía maxilofacial e de queimados”.
Así figuraba no proxecto concibido polo goberno do socialista Pérez Touriño, que o PP mudou por un hospital “máis pequeno, que non cumpre cos obxectivos do número de camas, de quirófanos, de cirurxías, de hospitalizacións, nin as prazas do hospital de día”. Esixiulles que “recoñezan o engano” e deixen de dar “a calada por resposta” apoiando a proposta socialista, reforzando a transparencia na adxudicación de contratos e acabando coa opacidade na contratación.
Espinosa acusou ao goberno galego de “tomarlle o pelo” aos galegos e galegas cun procedemento trufado de irregularidades, como revela o informe “absolutamente demoledor” do Consello de Contas. Ademais do sobre custe, apunta a un tipo de contratación escollido sen análise comparativa, modificacións na superficie útil sen xustificar, modificacións no prazo da concesión sen motivar, unha ampliación do contrato ao Meixoeiro e o Nicolás Peña sen soporte legal.
O ente fiscalizador, lembra Espinosa, apunta ademais á opacidade na licitación, a vulneración do principio de concorrencia competitiva ou á demora na execución da obra, co que “non se cumpriu nin un dos obxectivos que se marcaban no proxecto”.