Julio Torrado sinalou a “ironía” de que os populares celebren o seu acto en Cerdedo-Cotobade, un municipio no que a veciñanza se manifesta todas as semanas pola falta de pediatra no seu centro de saúde
O portavoz da Executiva propúxolle ao PP que aproveite a xuntanza para pedir perdón pola prórroga da concesión da AP-9, que aprobou o Goberno de Aznar para que galegos e galegas sigan pagando peaxes “das que poderían estar liberados”
Instou a Feijoo e a Rueda a aclarar por que a Xunta segue dando contratos millonarios a empresas relacionadas con familiares do presidente do PP
O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, invitou hoxe ao Partido Popular a aproveitar o seu acto de inicio de curso político para falar dos asuntos “que lles importan aos galegos e ás galegas e non dos que só lle interesan a Feijoo”.
Torrado lamentou, porén, que “todo apunta a que o PP de Galicia acolle a Feijoo esta fin de semana para tratar das leas que ten co Goberno de España” e mostrou a súa preocupación por que os populares se dediquen a “alimentar o odio” nunha estratexia que “os homologa coa estrema dereita, que é onde parece que queren estar”.
O socialista propúxolles, pola contra, que “xa que están en Galicia”, expliquen, entre outras cuestións, os motivos do sobrecuste de 470 millóns de euros do Hospital Álvaro Cunqueiro “para que se beneficiaran os especuladores e perdera a cidadanía”.
Tamén se referiu á prórroga da concesión da AP-9, que aprobou o Goberno de Aznar e un asunto no que Feijoo “xa estaba polo medio”. Esa decisión, criticou, fai que hoxe a cidadanía siga tendo que pagar peaxes “das que poderiamos estar liberados”. Por ese motivo, instou ao PP a pedir perdón na súa reunión de mañá no municipio pontevedrés.
Respecto do lugar elixido para o encontro, Torrado sinalou a “ironía” de abrir o curso político nunha localidade na que cada semana a veciñanza está protestando pola falta de pediatra no seu centro de saúde.
Finalmente, o voceiro da Executiva animou aos populares a dar explicacións sobre os contratos millonarios que antes Feijoo e agora Rueda deron dende a Xunta a empresas relacionadas con familiares do presidente do Partido Popular.
“De todas esas cousas que afectan aos cartos dos galegos e das galegas é das que deberían falar”, insistiu Julio Torrado.