“O que sabemos ata o de agora, segundo revelacións de medios de comunicación e auditorías externas, lévanos a pensar que é absolutamente necesario poñer o foco sobre estes contratos”, sinalan os socialistas que piden a unión de todos os partidos “nesta loita pola transparencia e a rendición de contas”
O PSdeG fai un chamamento ás forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia para que se unan na esixencia dunha Comisión de Investigación que esclareza os contratos millonarios outorgados polo Partido Popular durante os últimos anos. Esta demanda xorde tras a publicación de información preocupante sobre a adxudicación de contratos a empresas vinculadas con familiares e amigos do expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do seu sucesor, Alfonso Rueda.
“O que sabemos ata o de agora, segundo revelacións de medios de comunicación e auditorías externas, lévanos a pensar que é absolutamente necesario poñer o foco sobre estes contratos”, sinalan os socialistas. Un exemplo claro é o de Micaela Núñez Feijóo, irmá do agora líder nacional do PP, quen é directiva na empresa de servizos Eulen. Desde que Feijóo asumiu a presidencia da Xunta en maio de 2009, esta empresa recibiu adxudicacións da administración autonómica por un valor medio anual de 2,86 millóns de euros. Ademais, segundo publicou o diario Público, en só dous anos de mandato de Alfonso Rueda, a Xunta adxudicou máis de 17 millóns de euros a Eulen.
Os socialistas galegos consideran que estes datos apuntan a un patrón preocupante na xestión do Partido Popular, onde contratos millonarios parecen beneficiar a persoas próximas a Feijóo e Rueda. “O que coñecemos ata o de agora obríganos a preguntarnos se estes contratos foron decididos en función do interese público ou se, en realidade, responden a outro tipo de interese. Para despexar calquera dúbida, é necesario que se investiguen a fondo”, sinalou a secretaria de organización adxunta, Ana Pena.
Sinalou que “non podemos permitir que esta situación quede na sombra, queremos luz e taquígrafos. Por iso, pedimos a todas as forzas da oposición que se unan a nós nesta loita pola transparencia e a rendición de contas”.
Ademais dos contratos con Eulen, o PSdeG xa esixiu en repetidas ocasións que se esclarezan outras adxudicacións polémicas, como o sobrecusto de 470 millóns de euros na construción do hospital Álvaro Cunqueiro, cuxos detalles seguen sen coñecerse. “A opacidade do PP na xestión do diñeiro público é inaceptable, e a cidadanía ten dereito a saber como e por que se toman estas decisións”, engadiu a portavoz.
Para os socialistas galegos, a creación dunha Comisión de Investigación “é un paso fundamental para restaurar a confianza nas institucións galegas”.