Julio Torrado denunciou que mentres os centros de saúde carecen de profesionais suficientes, “o conselleiro decidiu abandonar o barco no medio da tormenta”
O portavoz da Executiva lembroulle á conselleira de Industria que os tres “secuestros políticos” que hai en Galicia foron asinados polo PP: “O da AP-9, o do hospital Álvaro Cunqueiro e o da CRTVG”
O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, insistiu esta mañá en denunciar a “grave situación” que atravesa a sanidade pública en Galicia, sinalando directamente á xestión do Partido Popular na Xunta como responsable desta situación. Torrado afirmou que “a sanidade galega está a vivir un caos sen precedentes, froito de anos de recortes e abandono por parte do Goberno autonómico, unha situación que empeorou nos meses de verán, con pacientes durmindo nos corredores por falta de camas e centros de saúde que carecen de profesionais para atender aos veciños e veciñas”.
Durante a súa intervención na sede dos socialistas galegos, Torrado proporcionou varios exemplos que ilustran a gravidade da situación que se está vivindo agora mesmo en hospitais e centros de saúde de diferentes concellos: “En Santiago de Compostela, a situación no hospital provincial é insostible, sen aire acondicionado a pesar das altas temperaturas -puxeron ventiladores pola protesta das familias dos pacientes-; en Pontevedra, as urxencias están ao bordo do colapso con esperas de máis de 12 horas para unha cama e en lugares como Zas, Muxía, Fisterra, Cangas, Moraña, Coles, Burela ou Viveiro non hai especialistas, o que obriga aos pacientes para percorrer longas distancias para acceder a tratamentos esenciais”.
Torrado foi especialmente crítico ao referirse a Sanxenxo, municipio que cualificou como “un claro exemplo do desinterese do PP pola sanidade pública, salvo cando se trata do seu propio benestar”. “En Sanxenxo, un lugar onde veranean moitos dirixentes do PP, estamos a ver como se desvían ambulancias en detrimento de outras localidades como Vilagarcía ou O Grove, que sofren unha falta crónica de recursos. Isto é inaudito e demostra unha xestión sanitaria pensada máis para os intereses duns poucos que para necesidades da maioría”, sinalou Torrado.
Neste sentido, o portavoz socialista Julio Torrado criticou duramente a actitude do conselleiro sinalando que, a diferenza do seu predecesor, quen polo menos tentaba dar explicacións, aínda que non fosen satisfactorias, o actual optou por “desaparecer no peor momento”. “É inadmisible que, en plena crise sanitaria, cando os nosos hospitais e centros de saúde están desbordados, o conselleiro desapareza. Para o portavoz do PSdeG, esta actitude reflicte unha “absoluta falta de compromiso e responsabilidade”.
Torrado subliñou que a ausencia do conselleiro non só agrava a percepción de desamparo entre os profesionais sanitarios, senón que tamén deixa ao descuberto a falta dun plan de continxencia por parte do Goberno autonómico. “En lugar de estar á fronte e buscar solucións inmediatas, o conselleiro decidiu abandonar o barco no medio da tormenta, deixando a Galicia sen liderado no peor momento”.
Tres “secuestros políticos en Galicia”
Na segunda parte da súa intervención, Julio Torrado abordou as recentes declaracións da conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, quen acusou ao Goberno central de “ter secuestrado o proxecto de Altri”. Torrado foi contundente ao afirmar que “os tres secuestros de Galicia levan a firma do PP”.
“Resulta sorprendente que se sorprenda de que outras administracións cumpran coa normativa vixente. É importante subliñar que o cumprimento da lei é fundamental na xestión de calquera proxecto, especialmente cando se trata dunha iniciativa da envergadura de Altri. As declaracións da señora Lorenzana, que cualifica a situación como un ‘secuestro’ do proxecto, denotan unha frivolidade preocupante, reflexo da actitude do goberno galego”.
Torrado sinalou que o proxecto de Altri presenta dous aspectos cruciais: o ambiental e o político. “Este non é un proxecto exclusivamente privado, xa que contou co respaldo e a atención política do Goberno da Xunta”. Tamén lembrou que “os socialistas esiximos desde o primeiro momento que o proceso de avaliación ambiental fose o máis rigoroso, esixente e restritivo posible, para garantir a protección do medio ambiente”. Con todo, continuou, “a señora Lorenzana parece suxerir que os técnicos non deberían avaliar adecuadamente o proxecto, e que este debería aprobarse sen máis.
Esta postura non é o que esperamos dunha administración responsable, e confiamos en que as avaliacións se realicen de maneira estrita, como corresponde”.
Por outra banda, o portavoz da Executiva do PSdeG aclarou que nestes casos “non basta cun simple si ou non ao proxecto. A parte política é igualmente crucial, ademais da avaliación técnica. Outras administracións están a traballar de maneira responsable, avaliando todos os criterios pertinentes. Neste contexto, o Goberno da Xunta ten moitas explicacións que dar: Que pasou co proxecto? Que ocorre cos empregos prometidos que agora non se materializan? Por que o proxecto cambiou de tamaño e obxectivos? Estas son preguntas que o Goberno galego debe responder, pero ata o de agora non o fixo”.
O labor doutras administracións, que se centra en avaliar e entender o que está a suceder co proxecto, “é a lóxica e necesaria”, dixo. É o que os socialistas “levamos demandando desde hai moito tempo. Non se trata de opoñerse ou apoiar cegamente, senón de aplicar rigor político e responsabilidade”.
Por último, en canto ao uso do termo “secuestro”, “que consideramos sumamente grave, lembrámoslle á conselleira que en Galicia existen tres secuestros políticos evidentes: o da AP-9, o do hospital Álvaro Cunqueiro, e o da CRTVG. E todos estes secuestros levan a firma do Partido Popular”.