O Grupo Parlamentario Socialista votou no pleno extraordinario en contra do teito de gasto proposto polo Goberno popular
“Esta dereita neoliberal estrangula e privatiza sen remilgos o noso estado de benestar”, afirmou a parlamentaria socialista Patricia Iglesias na súa réplica ao Conselleiro de Facenda e Administración Pública, a quen tamén lle pediu “máis humildade e autocrítica”
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias lanzou duras críticas contra a política financeira e económica do Goberno galego durante o pleno extraordinario celebrado hoxe, no que o Conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presentou o teito de gasto para o próximo ano.
Na súa intervención, Iglesias sinalou que as políticas do Executivo autonómico son “conformistas” e destacan pola súa “falta de ambición”, virando cada vez máis cara á dereita e prexudicando os servizos públicos. “Esta dereita neoliberal estrangula e privatiza sen remilgos o noso estado de benestar”, afirmou Iglesias.
A parlamentaria destacou os problemas actuais na sanidade galega, con longas listas de espera e unha insuficiente atención aos maiores en situación de dependencia. Ademais, criticou o uso de bonos que, segundo ela, só serven para “calar bocas e conciencias” sen abordar os problemas de fondo.
Galicia non segue o ritmo do resto de España
Patricia Iglesias contrastou a situación económica de Galicia coa de España, subliñando que mentres o país alcanza cifras récord de emprego e crecemento, Galicia non segue o mesmo ritmo. Segundo datos recentes do Instituto Nacional de Estatística (INE) e a Enquisa de Poboación Activa (EPA), o crecemento do emprego e a redución do desemprego en Galicia están moi por baixo da media nacional. Iglesias sinalou que no último ano, o número de ocupados en Galicia creceu só unha 0,3% fronte ao 2% de España, e o desemprego na rexión aumentou un 2,2%.
“Ilusionismo fiscal”
En canto ao teito de gasto, Iglesias criticou a xestión do Partido Popular, tanto a nivel nacional como autonómico. Sinalou que o rexeitamento do PP ao teito de gasto no Parlamento español prexudica a todas as comunidades autónomas, incluínda Galicia, que enfrontará un axuste de 4.224 millóns de euros entre 2024 e 2026. “As decisións de Feijóo e Rueda son unha absoluta irresponsabilidade”, asegurou.
Iglesias tamén abordou a política fiscal do Goberno galego, cualificándoa de “ilusionismo fiscal” que beneficia ás rendas e patrimonios máis altos mentres reduce a calidade dos servizos públicos. A parlamentaria fixo fincapé na necesidade dun financiamento xusto e equitativo para os concellos galegos, que actualmente reciben máis financiamento do Goberno de España que do Goberno autonómico.
Na súa conclusión, Patricia Iglesias pediu ao Conselleiro de Facenda e Administración Pública e ao Goberno galego máis humildade e autocrítica para mellorar a situación económica de Galicia. “A economía en Galicia crece menos que en España, a inflación está polas nubes, o PIB industrial segue estancado e o emprego crece menos que no conxunto do país”, recalcou. “É hora de afrontar o reto dun financiamento xusto, equitativa e eficiente para a Administración Local en Galicia”.