O secretario de Economía e Emprego do PSdeG lembra que Galicia recibirá este ano máis de 10.500 millóns do Estado nun orzamento de case 13.000
Abel Losada sinala que mentres o Goberno galego mantén conxeladas as achegas aos concellos desde hai 15 anos, o Executivo central incrementounas un 22 % só no último exercicio
O secretario de Economía e Emprego do PSdeG, Abel Losada, criticou hoxe que a Xunta do PP, “nun exercicio anticipatorio habitual”, se posicionase en contra das propostas que o Goberno ía trasladar á reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira “mesmo sen terse producido”.
Sobre a posición do Goberno galego respecto da xuntanza das 15 comunidades autónomas do réxime común co Executivo central, Losada precisou que este ano Galicia vai recibir 9.374 millóns de euros como anticipos e 1.287 máis como liquidación correspondente ao ano 2022. “Isto significa 10.500 millóns de euros nun orzamento de case 13.000”, cifras que serven para “aquilatar” a achega do Estado.
Por outra banda, a Xunta percibirá 1.500 millóns de euros procedentes de fondos europeos conseguidos polo Goberno de Pedro Sánchez “con escaso ou nulo apoio do Partido Popular e, por certo, xestionados desde a Xunta cunha clara falta de transparencia”. A esa cantidade súmanse outros 1.500 millóns como “fondos extraordinarios durante a pandemia, para axudar nos efectos negativos da covid”. Respecto destes últimos, o Consello de Contas vén de manifestar que unicamente 1,9 millóns foron trasladados á Administración local, o cal “é un elemento para reflexionar”, dixo o membro da Executiva socialista.
Abel Losada afondou nesa relación financeira da Xunta cos Concellos. “A financiación autonómica está moi ben, pero non se pode illar do conxunto do financiamento das administracións”, comentou sobre o feito de que a Xunta leve “15 anos cos orzamentos conxelados” para os Concellos, mentres que o Goberno de España incrementou as súas achegas ás entidades locais, “só no último ano, un 22 %”. “Xa está ben desta estratexia de confrontación de pedir máis fondos ao Goberno de España mentres sistematicamente se rebaixan os impostos autonómicos para beneficiar todos sabemos a quen”, subliñou.
Finalmente, Losada ve “lamentable” que o Partido Popular e a Xunta de Galicia só falen de financiamento autonómico cando non gobernan o Estado. “O financiamento autonómico modificouse co Goberno de Zapatero e modificarase co Goberno do señor Sánchez”, recordou, como tamén que os gobernos de Rajoy en Madrid e Feijoo en Galicia foron “un auténtico páramo en termos de mellora do financiamento autonómico”.