O secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, Xurxo Doval, denunciou que a Xunta “está desaparecida” en política de vivenda e propuxo reconducir a situación a través do pacto de país que ofreceu Besteiro para construír cada ano 2.500 vivendas públicas
Santiago, 15 de xullo de 2024. O secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, Xurxo Doval, esixiulle hoxe á Xunta a posta en marcha dun plan de emancipación que lle facilite á xente nova o acceso á vivenda. As “fatídicas colas” ante as inmobiliarias que se repetiron en días pasados en cidades como Santiago son exemplo da “gravidade” do problema e da “urxencia” coa que se debe actuar sobre a situación da vivenda en Galicia, sinalou.
Eses “centos e centos” de estudantes que en xullo viven “con desesperación” a busca dun piso para o vindeiro curso van sufrir, ademais, un incremento dos prezos, que o tamén membro da Executiva do PSdeG cifrou entre un 15 e un 20 % seguindo datos oficiais da propia Administración galega e de portais inmobiliarios.
As dificultades que enfronta o alumnado universitario son similares ás que padece o resto da mocidade cando decide iniciar o seu proxecto de vida, polo que Doval insistiu na necesidade de poñer en marcha “medidas a curto prazo”. Entre elas, mencionou unha correcta execución das axudas de acceso ao alugueiro, “xa non cos fondos do Goberno de España, senón tamén cos fondos propios da Xunta de Galicia”, e a concesión de avais “a tipo cero” para a xente nova que decida mercar a súa propia vivenda. Nese senso, lamentou que a Xunta “presume de orzamentos pero non gasta nada, non pon nin un só euro e só se beneficia dos fondos europeos”.
Sobre o desolador panorama actual, Xurxo Doval criticou que o Goberno galego estea “desparecido” e que na última década o alugueiro social “foi inexistente”, con só 21 vivendas construídas para ese fin. “Convido á conselleira de Vivenda a que intente atopar un piso con boas condicións de habitabilidade e que non implique máis do 60 % das rendas que pode recibir unha persoa menor de 35 anos”, dixo o secretario xeral das Xuventudes.
Cargou tamén contra a xestión que o Executivo de Rueda fixo do bono ao aluguer, dotado con máis de 22 millóns de euros que o Goberno de España conseguiu dos fondos europeos para que a Xunta axudase á mocidade a custear a vivenda. Lamentou a caótica concesión desas axudas, cun procedemento extraordinariamente complexo respecto ao que habilitaron outras comunidades, e denunciou que o Goberno autonómico do PP, mentres aseguraba que consumira todos os fondos, segundo o Consello de Contas só gastaba un 8,8 % do orzamento do que dispoñía para políticas de acceso á vivenda. “É irrisorio e unha vergoña”, sentenciou Doval.
“A Xunta ten que construír un parque público de vivenda. Imos estar atentos a eses anuncios a bombo e platillo que fixo Rueda durante a campaña electoral, pero visto que o que fixo o PP nos últimos 14 anos non foi nada, non esperamos nada nos próximos catro”, dixo o secretario xeral das Xuventudes, que propuxo “reconducir a situación” a través do pacto de país que José Ramón Gómez Besteiro propuxo no debate de investidura: construír 2.500 vivendas públicas ao ano para acadar as 10.000 durante a lexislatura. “É un reto realista e comprometido coas necesidades do país”, afirmou.
“Imos apelar ao sentido común de todas as forzas politicas para que exista un plan de emancipación galego e para que exista un plan de vivenda pública, correspondente coas competencias que ten este país e co apoio do Goberno de España”, relatou Xurxo Doval, que lembrou que o Executivo socialista anunciou en marzo un investimento en Galicia para construír 1.200 vivendas de alugueiro social. “Temos unha Xunta de Galicia que ten as competencias en vivenda e ten que vir o Goberno de España a facer a política que non fai a Xunta, tamén coas axudas”, engadiu.