Considera que “non é de recibo” que minusvaloren as esperas “cando no Salnés teñen que agardar 165 días por unha ecografía abdominal”
A parlamentaria socialista Silvia Longueira esixiulle hoxe á Consellería de Sanidade que poña en marcha un plan de choque para resolver as listas de espera na área sanitaria de Pontevedra – O Salnés. A responsable socialista sinalou que “non é de recibo” que o conselleiro de Sanidade minusvalore as esperas sanitarias cando no Salnés “están a agardar 165 días por unha ecografía abdominal”.
A responsable socialista presentou unha batería de casos nos que o tempo de atención si que resulta fundamental para o tratamento precisamente nesta área sanitaria. Apuntou o caso dunha paciente que tivo que agardar un mes polo resultado dunha biopsia dun tumor de mama que resultou maligno, ou 6 meses de espera por unha resonancia de espalda que agochaba un tumor maligno, ou a espera de ano e medio por unha hernia inguinal que finalmente foi derivada á privada.
Longueira advertiu que os recortes do goberno galego á sanidade pública son os que están a provocar unhas esperas “fora do normal” por moito que o conselleiro responsable “saia dicindo que non pasa nada”. Criticou que son os responsables dun “sistema falido” tamén nesta área sanitaria, que no caso concreto do Salnés agarda un tensionamento maior pola “falla de persoal esencial” diante dun incremento exponencial da poboación no verán.
Sinalou os “datos alarmantes” das esperas nesta área sanitaria, cando en Pontevedra as esperas para Otorrinolaringoloxía ascenden a 88,8 días, para Traumatoloxía son de 74,1 e para Uroloxía de 70,7, mentres no Salnés teñen que agardar 211 días para unha endoscopia e 81 días para unha electrofisioloxía.
A parlamentaria socialista lamentou a “nula vontade política” da Xunta de Galicia para defender a sanidade pública e reclamoulle que “activen tódolos mecanismos” dos que dispoñan para “avanzar nunha mellor dotación de recursos humanos en número e tamén na calidade do traballo”.