Denuncia que o goberno galego continúa reducindo a aportación á dependencia, situando a Galicia á cola do Estado
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, acusou hoxe ao goberno galego de facer da atención á dependencia un “dereito de papel”, recoñecido pero “cunha relevancia económica débil e unha cobertura reducida de prestacións e servizos”. Así o dixo logo de que o PP votara no pleno do Parlamento en contra dunha proposición non de Lei que pedía incrementar os equipos de valoración e os servizos sociais comunitarios.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de incrementar a “sangría de dependentes que pasan a engrosar as listas de espera” ao reducir os recursos destinados a atender este servizo básico, ao que o goberno galego lle reduciu o ano pasado 9,5 millóns de euros. Advertiu que Galicia dedicou en 2023 unha media de 4.726 euros por dependente, 130 euros menos que en 2022 e case 1.400 por debaixo da media estatal, que supera os 6.100 euros por persoa.
Alertou que segundo o XXIV Observatorio da Dependencia, o financiamento deste dereito vai en Galicia ao revés do resto do Estado. Nesta Comunidade Autónoma o Estado asume o 41,7 por cento, a Xunta o 35,8 por cento e os usuarios o 22,5 por cento dos 503 millóns que custa, mentres na media estatal os usuarios fanse cargo do 20,4 por cento, as comunidades autónomas o 48 pro cento e o estado o 31,5.
Longueira acusou ao goberno galego de “baleirar” os servizos sociais levando cara á súa “deslexitimación”, segundo ratifica o informe da Asociación Estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, que da un “relato falido” da aplicación da Lei de Promoción da Autonomía Persoal en Galicia. Advertiu que Galicia está á cola do Estado, superando só a Murcia e Cantabria e empatada con Madrid.
Responsabilizou ao goberno galego de que esta Comunidade Autónoma siga retrocedendo tanto en puntuación global como na cualificación dos servizos sociais, con menos profesionais na rede básica de servizos sociais, menos beneficiarios de rendas de inserción, menos prazas residenciais para maiores, menos servizo de teleasistencia, menos servizos para persoas con discapacidade e menos prazas de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero.