Julio Abalde alerta de que o 26 por cento do profesorado das tres universidades galegas xubilarase en 9 anos
O portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Julio Abalde, lamentou hoxe o voto en contra do PP á proposición non de Lei que presentou na Comisión de Educación para reclamarlle á Xunta que inicie un Plan de renovación do profesorado do Sistema Universitario Galego -SUG-. Abalde alertou da gravidade da situación cando o 25,87 por cento dos profesores das universidades galegas xubilarase nun prazo de tan só 9 anos.
Explicou que o SUG é o segundo máis envellecido do Estado, cunha idade media de 52,43 anos, que aboca ás universidades galegas a afrontar unha falla de persoal docente en menos dunha década que o goberno galego non quere afrontar. Reclamoulle “axuda” para as universidades galegas e garantirlles as “ferramentas” para resolver esta situación autorizando unha convocatoria extraordinaria de prazas dotada de fondos para poder afrontar as contratacións.
Advertiu que as universidades son incapaces de facer fronte ao esforzo de incorporar profesorado que poida substituír con garantías ao persoal a piques de xubilarse, xa que teñen que afrontar un custe de 416 millóns de euros en materia de salarios. Para iso contan con 415 millóns de euros que lles remite o goberno galego dentro do Plan de Finmanciamento, dos que só 274 corresponden ao Fondo Estrutural que poden dedicar a salarios, unha contía “absolutamente insuficiente”.
Criticou que o PP votara en contra desta iniciativa amparándose nos Plans de Incorporación de Investigadores mozos xa que, segundo explicou o parlamentario socialista, “non se trata de profesorado”.
Fondo de compensación
Abalde explicou ademais a abstención dos socialistas galegos á proposta do PP para pedirlle máis financiamento ao Estado, pola negativa daquel grupo a incorporar a emenda socialista na que ademais de poñerlle deberes ao goberno central pedíalle á Xunta que a parte das matrículas universitarias que agora abona o Executivo autonómico en nome das familias non compute á hora de cuantificar o obxectivo o 1 por cento do PIB de financiamento universitario.