Alerta de que a suspensión de proxectos eólicos vai frear a instalación de novas industrias e a creación de emprego de calidade
“Somos o único partido que puxo enriba da mesa un pacto pola enerxía eólica”, lembra o secretario xeral do PSdeG
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, alertou hoxe de que a paralización de proxectos eólicos ameaza con provocar a perda dunha oportunidade histórica para Galicia. Momentos antes de reunirse coa dirección do Clúster das Enerxías Renovables de Galicia, asegurou que ve “con moita preocupación” a falta dun modelo eólico sostible por parte da Xunta.
A actual situación, co anuncio da suspensión cautelar de seis parques máis por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia esta mesma semana, responde, dixo, “a unha apatía por parte do PP durante moitísimos anos de freo absoluto” nos que o Goberno galego non desenvolveu a normativa necesaria. Lamentou que esta circunstancia se produza “nun momento no que deberíamos estar especialmente activos” para conseguir vincular o desenvolvemento da xeración eléctrica verde a novos proxectos industriais.
O secretario xeral dos socialistas galegos sinalou a importancia que ten para Galicia o desenvolvemento da eólica “en termos de competencia” con outras áreas xeográficas, especialmente para a atracción de iniciativas industriais, polo que insistiu na súa preocupación cos efectos das cuestións prexudiciais que o TSXG está trasladando a instancias comunitarias. Por iso, confiou en “ser capaces” de que as resolucións da Xustiza europea “tarden o menos posible” e así non se traduzan nunha paralización definitiva dos proxectos. “Pero sobre todo preocúpanos o camiño de futuro da enerxía eólica en Galicia”, matizou, dado que os promotores necesitan seguridade xurídica para o seu despregamento.
José Ramón Gómez Besteiro recordou que o PSdeG “é o único partido que ten posto enriba da mesa un pacto sobre a enerxía eólica”, ao que se sumaron asociacións e entidades de moi diferentes ámbitos. Insistiu en que a vía para que Galicia dispoña dunha fonte de enerxía limpa e asequible, “que sexa beneficiosa para as comunidades locais e a veciñanza”, pasa por realizar “un traballo en común” entre todos os estamentos implicados. Chamou, nese senso, a unir esforzos para non “perder oportunidades”, por exemplo, de atraer industria, que implica “máis emprego e mellores salarios”.