Advirte que levan dende 2012 sen incluír actuacións con orzamentos propios, limitándose a tramitar as subvencións estatais
Esíxelle a Rueda que se diferencien dos gobernos autonómicos que están a perpetrar a historia para branquear o franquismo
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, alertou hoxe de que o goberno galego leva sen incluír ningún tipo de actuación para a recuperación da Memoria Democrática nos Orzamentos e na súa acción política dende o ano 2012. Castro presentou unha pregunta na Comisión Institucional do Parlamento na que lembrou que a nova Lei de Memoria de 2022 obriga ao goberno galego a “algo máis que a dar trámite ás subvencións do Estado”.
A responsable socialista denunciou o desleixo do goberno galego e esixiulle que “se diferencien de outras autonomías nas que o PP goberna coa ultradereita e están a aprobar as mal chamadas leis de concordia, pensadas para perpetrar a historia”. Acusou ao PP de branquear o franquismo mentres en Galicia se esforzan por “meter nun caixón” as súas obrigas limitándose a “cubrir o trámite e salvar os mobles”.
Explicou que de acordo coa Lei de 2022, o goberno galego ten que incluír o coñecemento da memoria democrática no sistema educativo, e incorporar a represión como materia curricular, ademais de fomentar a investigación da memoria democrática e impulsar programas de divulgación que inclúan o relato das vítimas.
O goberno galego ten que constituír un Centro de Memoria Democrática, así como sinalar localizacións singulares que sexan declaradas como lugares de memoria democrática, facer actuacións para a retirada de símbolos, extinguir ás fundacións ou asociacións que fagan apoloxía do franquismo e levar a cabo un censo de vítimas.
Castro sinalou que “é o tempo de que os galegos e galegas rendan homenaxe, fagan actuacións para recuperar a memoria e lembrar ás vítimas”. Reclamou un mapa de actuacións prioritarias para os próximos anos de forma coordinada coas asociacións e axentes sociais.