Besteiro esixiralle a Rueda na sesión de control do próximo pleno que asuma a súa responsabilidade pola falta de persoal
A responsable socialista reclámalle á Xunta que poña enriba da mesa unha “proposta seria e con base” para explicar a súa proposta de cara ao novo modelo de financiamento autonómico
A viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, anunciou hoxe que a sesión de control do próximo Pleno do Parlamento centrarase na falla de médicos na sanidade galega pola falta de programación por parte da Xunta. A responsable socialista interveu logo da Xunta de Portavoces do Parlamento para chamar á responsabilidade do conselleiro de Sanidade e do presidente da Xunta “porque están a xogar cun tema moi sensible”.
Preguntouse “cal é a responsabilidade real que asume a Consellería?” logo de que pasaran de sinalar ao goberno central a sinalar aos concellos para reclamarlles que poñan a disposición pisos para médicos. Confesou que faltan “adxectivos” para cualificar as propostas do conselleiro de Sanidade, que pretende “que outros lle arreglen os problemas o goberno central ou os concellos” cando a realidade é que a Xunta ten “o cen por cen” das competencias en materia sanitaria.
Esixiulles que poñan medidas enriba da mesa “que realmente solucionen os problemas” da falla de profesionais porque “o sabían dende hai anos e non fixeron nada de nada”. Advertiu que a situación da sanidade é xeneralizada en tódolos recunchos de Galicia, con “concellos sen pediatra, outros sen asistencia de médicos de atención primaria” e ás portas dun verán que se prevé que teña menos camas dispoñibles que en anos anteriores porque “non hai médicos suficientes”.
En resposta a preguntas dos xornalistas, a responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que presente unha “proposta seria e con base” onde explique a posición de Galicia de cara ao novo modelo de financiamento autonómico. Suxeriu “preguntarnos polo que pasa aquí antes de preguntar polo que pasa noutra Comunidade Autónoma”.
A responsable socialista sinalou á viraxe do PP, que en 2012 propoñían no seu programa electoral unha “financiación singular” para Cataluña e preguntoulles “por que hoxe din branco e antes dicían negro”.
Peaxes nas autoestradas autonómicas
Espinosa explicou que o próximo Pleno incluirá unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para pedirlle á Xunta que elimine as peaxes nas autoestradas de titularidade autonómica AG-55 A Coruña – Carballo e AG-57 Puxeiros – Val Miñor. Dixo que ademais de reivindicar a supresión das peaxes estatais o goberno galego “ten que aportar o seu grao de arena para que os cidadáns se poidan mover polas autoestradas de xestión propia.
O Pleno incluirá unha pregunta oral para que a Xunta dea conta das políticas previstas de loita contra os comportamentos de odio contra a comunidade LGTBI, coincidindo coa conmemoración do Día do Orgullo o próximo 28 de xuño. Tamén presentarán unha moción para ampliar os servizos complementarios no ensino público, ademais dunha proposición non de Lei con propostas para impulsar o deporte feminino.
O Pleno da próxima semana incluirá así mesmo dúas preguntas orais para reclamarlle á Xunta a mellora das condicións laborais dos letrados que traballan na quenda de oficio e para que o goberno galego explique en que punto se atopa a adquisición dos terreos do parque natural das Fragas do Eume.