A deputada galega Montserrat García Chavarría sinalou a demagoxia de nacionalistas e populares ao abrir un novo debate só unhas horas despois de que os portavoces dos tres grupos con maior representación no Parlamento Galego defendesen na Cámara Baixa a toma en consideración da proposición de Lei de Transferencia da autopista do Atlántico, que foi a probada por ampla maioría
A deputada socialista galega Montserrat García Chavarría criticou hoxe no Congreso que os nacionalistas, que cualificaban a AP-9 de “navallada na terra”, e os populares, que estenderon 25 anos a súa concesión e a privatizaron, se unan agora para esixir todo o contrario ao que fixeron no pasado respecto da autoestrada.
García Chavarría sinalou a contradición de que o BNG levase a debate na Cámara Baixa unha moción sobre a AP-9 a mesma semana na que unha delegación do Parlamento de Galicia integrada polos portavoces dos grupos de PSdeG, Bloque e PP defendera no mesmo hemiciclo a toma en consideración da proposición de Lei de Transferencia da AP-9. “Hai apenas unhas horas diso, e polo tanto xa non debeberiamos estar debatendo”, sinalou. Tamén chamou a atención sobre a irreponsabilidade que implica esixir sen ningún tipo de consideración o rescate dunha concesión que podería implicar un prexuízo de 4.000 millóns para o Estado.
A parlamentaria socialista felicitouse de que os nacionalistas recoñezan agora “o progreso que supuxo a AP-9” para Galicia, e lembrou que a prórroga da súa concesión durante 25 anos máis, ata o 2048, decidiuna “un Goberno do Partido Popular co señor Aznar á fronte, e tamén cun Goberno do PP na Xunta, que calou”. Do mesmo xeito, apuntou que “só tres anos depois”, no 2003, o mesmo Goberno privatizou a concesionaria, “sometendo unha vez mais aos galegos e ás galegas a maiores cargas financeiras”, ante o que a Xunta do PP “calou” de novo. En contraste con ese quebrando á cidadanía, os populares non tiveron ningún reparo en beneficiar coa decisión a empresas privadas.
“BNG e PP selaron hoxe un pacto para tratar de seguir confundindo aos galegos e ás galegas sobre a AP-9, e o PSOE non vai participar nese teatro”, explicou a parlamentaria galega para anticipar a abstención do seu grupo na votación dunha iniciativa que cualificou de “tomadura de pelo”.
“Resulta que agora quen se opuxo radicalmente á construción da autoestrada e quen ampliou a concesión a costa do peto dos galegos póñense de acordo sen importarlles nin a legalidade do que propoñen”, insistiu, como tamén o fixo en que o Grupo Socialista non participa en “enganos aos galegos e ás galegas”.
Pola contra, recordou, os socialistas si deron o seu apoio o pasado martes “para lograr a transferencia”, e asegurou que o seguirán facendo “para abaratar aínda máis as peaxes ata conseguir a súa gratuidade, que é o que lles importa aos galegos e ás galegas que utilizan a autoestrada a diario”.
Nese senso, destacou que o actual Goberno socialista foi o que abaratou a AP-9 e “vai seguir abaratándoa”. “Os demais, PP e Bloque, únense para a confrontación que nada aporta e que non aforra nin un euro. Mentres seguen intentando confundir aos galegos e ás galegas, nós imos seguir mirando polo seu peto” e traballando “para acabar coa desigualdade territorial inxustamente imposta polo Partido Popular”, afirmou.
A deputada pola Coruña tamén contrastou o que o PP demanda para as autopistas estatais non fai para as de titularidade autonómica. “Consellos vendo que para min non teño”, dixo sobre que a Xunta non proxecte descontos nas peaxes “abusivas” da AG-55 e da AG-57, das que é titular a Xunta de Galicia.
O Goberno socialista presidido por Pédro Sánchez aprobou non 2021 un esquema de redución de peaxes sen precedentes. Destinou 55 millóns de euros á maior rebaixa na historia da AP-9, que sumarán 2.300 millóns ata o fin da concesión no 2048. Dende a posta en marcha desa medida, usuarios e usuarias aforraron xa 115 millóns. A maiores, dende xaneiro do 2023 tamén se aplicou unha subvención para evitar a suba das tarifas, que elevou o aforro en 11,2 millóns adicionais.
Ademais, no marco do acordo de lexislatura PSOE-BNG está comprometida a ampliación das bonificacións, para o que xa se incluíron 21,6 millóns máis nos Orzamentos, que aínda estando prorrogados, se incrementan ata os 76 millóns neste exercicio. A intención do Goberno, sinalou Montserrat García Chavarría, é que estas novas reducións das peaxes entren en vigor este mesmo ano.