O candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo animou nunha entrevista en televisión e radio a votar “máis Europa” porque “é a resposta contra as forzas reaccionarias”
Nunha visita posterior a Vilagarcía, Nicolás González Casares asegurou que o domingo elíxese entre “unha Europa que rexenera e unha Europa que dexenere”
O candidato do PSdeG a revalidar o seu escano no Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, asegurou hoxe nunha entrevista na Televisión de Galicia e a Radio Galega que o vindeiro domingo está en xogo avanzar na Galicia “industrial e do coñecemento” que están a impulsar os fondos europeos conseguidos polo Goberno socialista de España ou, pola contra, retroceder coa perda de calidade democrática e liberdades que traerían a ultradereita “e a dereita que se mimetiza coa ultradereita”.
O eurodeputado socialista reivindicou unha UE cunha voz “potente” no mundo “que fale de ti a ti aos grandes bloques”, como China ou Estados Unidos. “Non debemos esquecer que o poder máis importante son 450 millóns de persoas nun espazo común, con regras comúns, co mercado único como gran fortaleza”, ademais de elevados estándares éticos e económicos para o planeta. “Máis europa é a resposta para avanzar e loitar contra as forzas reaccionarias”, afirmou.
González Casares sinalou que Europa é un proxecto “de democracia, paz e solidariedade” e que debe ter “os brazos abertos” a quen queira unirse a el. Recordou tamén que ese proxecto común naceu “contra as guerras”, como unha solución aos conflitos que devastaron o continente. Por iso, dixo, na loita “pola dignidade” e contra “masacre” de Gaza, galegos e españois “podemos ter a cabeza ben alta” ante o xuízo da historia.
No plano económico, o candidato socialista destacou que España, segundo o FMI, vai medrar a un ritmo do 2,4 %, o que a converte na “locomotora” entre as grandes economías europeas, creando máis emprego que ningún outro país. “Algo terán que ver pancas que permiten os fondos recuperación que están chegando claramente ás empresas e industrias”, dixo. Con eles, engadiu, estase cambiando “o paradigma económico, avanzando na reindustrialización e no Pacto Verde”.
Nicolás González Casares abordou o problema demográfico que sofren especialmente territorios como Galicia. Para revertelo, “é fundamental” dotar de servizos o rural. “A banda ancha chegou a case cada recuncho grazas ao plan único finaciado con fondos europeos. Iso é mellorar servizos para que a xente permaneza”, puxo como exemplo. “Pero non todo o pode facer a Unión Europea. Mentras levamos Internet ao rural, pechan centros de saúde sen pediatras ou pechan oficinas bancarias. A Xunta de Galicia ten que ser responsable e non deixar que todo o fagan outros, pero non vexo políticas galegas cando se pechan centros de saúde ou escolas”, explicou.
“Europa xógase moito este domingo, e Galicia e España tamén”, advertiu. Trátase de avanzar polo camiño de “máis Europa, máis dereitos e liberdades” ou rebaixarse á lama e caer no retroceso das forzas reaccionarias, “que queren menos Unión Europea, menos democracia e menos liberdades”. Fronte a unha dereita “que se mimetiza coa ultradereita”, os socialistas foron quen de “parar” en España ás forzas reaccionarias, “e queremos facelo en Europa”.
Encontro co alcalde de Vilagarcía
González Casares tamén se achegou esta mañá a Vilagarcía, onde se encontrou co alcalde e presidente da Fegamp, Alberto Varela. Durante un percorrido polo paseo de Canelas, o candidato ao Europarlamento avisou que o domingo elíxese entre “unha Europa que avanza e rexenera ou unha Europa que dexenere, como pretende a dereita”, e especialmente un Partido Popular ao “que hoxe en día é imposible diferenciar” da ultradereita.
“Defender máis europa significa defender os servizos publicos, os servizos de saúde, por exemplo, como fixemos durante a pandemia”, subliñou. “Queremos máis avance, máis progreso, e non homes de negro e retroceso”, concluíu.