Paloma Castro denunciou hoxe en comisión parlamentaria que hai tres anos o Goberno galego anunciou dez proxectos para conservación e restauración de ecosistemas, para os que quería captar 122 millóns de euros, mentres que a día de hoxe só constan como financiadas tres actuacións, por un total inferior aos 3 millóns
A deputada do PSdeG mostrou a súa preocupación pola “oportunidade perdida” e sinalou que o Consello de Contas vén alertando ano tras ano dunha total falta de transparencia por parte do Executivo galego e de que a execución real dos fondos Next Generation transferidos á comunidade autónoma se atopa por debaixo do 50 %
Santiago, 6 de xuño. A voceira de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, criticou hoxe o “caos e a ineficiencia” do Goberno galego na xestión dos fondos europeos. Apoiou esa afirmación no último informe do Consello de Contas, que indica que 5,5 de cada 10 euros programados quedan sen executar. Esa realidade, explicou, tamén ten efectos no eido medioambiental, xa que Galicia está “moi lonxe de acadar os obxectivos marcados pola UE” no Pacto Verde Europeo, o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e a Lei de Cambio Climático.
A deputada solicitou, a través dunha pregunta oral en comisión, información sobre os proxectos que se están a desenvolver neste momento, e cal é a porcentaxe de execución, así como de pagos, dos fondos Next Generation da compoñente 4, a reservada a actuacións para a conservación e restauración dos ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade.
Paloma Castro lembrou que en febreiro do 2021 a conselleira de Medio Ambiente anunciou a súa intención de captar 122 millóns de euros con ese fin, e que lle remitira ao Ministerio de Transición Ecolóxica dez iniciativas que encaixarían na compoñente 4. Citaba entón proxectos relacionados co Parque Nacional das Illas Atlánticas; o denominado “Mil ríos”, para a recuperación de humidais e cursos fluviais; a recuperación de espazos da Rede Natura, ou a creación dun mapa de hábitats de Galicia.
A parlamentaria socialista denunciou que, tres anos despois, só está resolta unha liña destinada a actuacións en parques nacionais e reservas da biosfera de Galicia por valor de 5,1 millóns de euros, tal como recolle o último informe de execución do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Ademais, o mapa dos proxectos financiados con fondos Next Generation, publicado hai tres semanas, só sinala tres actuacións por un valor total inferior aos tres millóns de euros.
Castro mostrou a súa preocupación polo que dende o Grupo Socialista se considera “unha oportunidade perdida”, xa que Galicia debe aproveitar todo o financiamento dispoñible “para facer cambios sistémicos e transformadores nas súas políticas medioambientais”.
“Opacidade e nula vontade de xestión compartida”
Tamén puxo cifra a esa preocupación: “O Consello de Contas vén alertando ano tras ano de que a execución real dos Next Generation transferidos ao Goberno galego está por debaixo do 50 %”, insistiu. A iso uniu a “falla de transparencia” que tamén apunta o propio Consello e o voto negativo do PP á solicitude dos socialistas, o pasado maio, de que a Xunta elaborase un informe sobre a execución dos fondos. Todo elo, dixo Castro, “evidencia a opacidade e a nula vontade de xestión compartida” por parte do Goberno do PP.
En contraposición á xestión da Xunta, o Goberno de España “está a cumprir con Galicia” coa asignación de 3.150 millóns de euros para políticas de cohesión no período 2021-2027, “aos que hai que sumar 1.545 millóns dos fondos Next Generation que son de xestión directa polo Goberno galego”, indicou Castro. E engadiu que “ata o propio Rueda admitiu en maio que Galicia xa recibiu 1.439 millóns”, é dicir, que o Estado transferiu xa o 92 % dos Next Generation.
“Iso só se pode cualificar como un compromiso político dun Goberno progresista con Galicia”, concluíu a deputada.