Critica o “desleixo” da Xunta, que “só é capaz de aplicar parches que en ningún caso resolven o problema”
A parlamentaria socialista Lara Méndez vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias sobre a situación “precaria” da atención sanitaria nos centros de saúde do Courel, sinaladamente en Folgoso e Seoane. A responsable socialista denuncia o “desleixo” do goberno galego e require que garanta atención médica “durante toda a semana”.
Méndez sinala que a negativa do goberno galego a garantir a substitución dos sanitarios de baixa e vacacións require unha resposta “rápida e eficaz”, polo que esixe que “comece por tomar medidas urxentes” para garantir a atención sanitaria que merecen os veciños e veciñas e a continuación “asuma responsabilidades políticas”.
Sinala que o anuncio trasladado onte polo conselleiro é un “mero parche que en ningún caso resolve a situación” de desatención médica que están a vivir os veciños e veciñas, desesperados diante dun problema que “non é máis que o principio”, xa que a situación “non pode facer máis que empeorar” coa chegada do verán.
Lembra que a Xunta é a responsable única e última de contratar aos médicos e de garantir a cobertura das baixas do persoal, o que significa garantir para o Courel “unha sanidade pública, universal e de calidade como calquera outro concello de Galicia”. A parlamentaria socialista explica que “non é de recibo que os habitantes do Courel só poidan enfermar durante determinados días da semana, que é cando está prevista a asistencia de facultativos ou desprazarse ao Hula.
Os socialistas galegos esíxenlle así á Xunta que cubra con carácter de urxencia as baixas, permisos e vacacións do persoal médico do Centro de Saúde do Courel para que teña garantida asistencia médica durante toda a semana.