O secretario xeral do PSdeG esixiulle á Xunta que asuma as contrapartidas aos afectados polas restricións no espazo natural, “como fan outras comunidades”
O candidato socialista denunciou que Galicia incumpre “sistematicamente” a Directiva Hábitats e só ten protexido o 13 % do territorio, lonxe do obxectivo do 20 %
A representante dos afectados: “Queremos dicir alto e claro que estamos a favor do parque, pero non de que se faga á conta dos pequenos propietarios”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e o candidato ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, elixiron hoxe as fragas do Eume para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente, onde se encontraron con veciñas e veciños donos de terreos dentro do parque natural.
Besteiro asegurou que, ademais de defender o medio ambiente, hoxe é un día para “defender unha causa xusta”. Explicou que os propietarios e as xeracións que os precederon “foron capaces de manter este lugar para que o gocemos os demais”, polo que deben recibir compensacións polas elevadas restricións que a normativa lles impón no uso das súas parcelas.
O secretario xeral anunciou iniciativas no Parlamento galego e na Eurocámara tanto para a protección do medio ambiente como en favor das contrapartidas aos afectados polas limitacións que recolle o Plan Reitor de Usos e Xestión do espazo natural.
“A Xunta —lembrou— ten os medios”. “Que asuma esas compensacións como fan outras comunidades, a través de fondos europeos que pode reordenar”, esixiu.
Nicolás González Casares reivindicou a Rede Natura como instrumento de conservación e lamentou que Galicia incumpra “sistematicamente a protección do seu medio natural. Detallou que a Directiva Hábitats fixa un obxectivo do 20 % do territorio baixo protección medioambiental e que Galicia só acada un 13 %, “moi por debaixo da media do Estado”.
Advertiu das consecuencias, en forma de posibles sancións por parte da Comisión Europea, pola deficiente xestión, por exemplo nas propias fragas do Eume, “que teñen sufrido graves episodios de contaminación”. O necesario, asegurou, é poñer en valor os espazos protexidos “en diálogo cos seus propietarios”.
O candidato socialista ao Parlamento Europeo criticou que o PP votara en contra da lei de restauración da natureza en Europa e que o BNG se abstivera, especialmente porque se trata dunha norma “que permite dedicar recursos económicos a espazos naturais que estiveron degradados e que necesitan apoio”. Os únicos galegos do arco parlamentario que votaron a favor, recordou, foron os socialistas.
“É un abuso”
Tamén se manifestou en defensa das fragas a portavoz dos propietarios, Ángeles Pita. “Queremos dicir alto e claro que estamos a favor do parque, que non temos nada en contra del, pero o que si dicimos é que o parque non se pode facer á conta dos pequenos propietaros”, afirmou.
Pita explicou que dende hai 30 anos ven mermado o uso das súas parcelas, polo que levan esas tres décadas loitando “por compensacións xustas”. Detallou que hai dous anos a Xunta fixo unha proposta de compra “por un precio irrisorio, de 0,70 euros por metro cadrado”, cando en 1994 as nove hectáreas que rodean o mosteiro de Caaveiro se pagaron a 1,75 euros o metro cadrado, asegurou.
“É un abuso. Queremos que se tomen medidas e se nos compense pola perda das nosas propiedades”, concluíu.
A falta de medidas de compensación por parte da Xunta, que é a Administración que ten as competencias, contrasta coa iniciativa adoitada polos cinco concellos en cuxos territorios municipais se asenta o parque natural das fragas do Eume. Os alcaldes da Capela, As Pontes, Cabanas, Monfero e Pontedeume asinaron este mes un protocolo para coordinar exencións do IBI de ata o 95 % aos veciños e veciñas donos de terreos dentro do espazo natural.