Apunta que “o ataque indiscriminado contra a poboación civil e as mortes de nenos e nenas son igual de condenables teñan a pel da cor que a teñan ou profesen a relixión que profesen
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, lamentou hoxe o “cinismo” de PP e BNG na súa competencia por xustificar respectivamente o ataque a Palestina e a invasión a Ucraína e “ver que tirano é menos ou máis malo”. Así o dixo no debate dunha iniciativa do PP de condena á invasión de Ucraína ao mesmo tempo que xustifican o xenocidio de Israel na franxa de Gaza.
Castro confesouse “atónita” por ver aos dous grupos “xogando ao pin pon pasándose a pelota” para condenar un ou outro ataque cando “para nós as normas de dereito internacional e os dereitos humanos deben ser cumpridos e respectados sexa o actor que sexa”. Advertiu que “o ataque indiscriminado contra á poboación civil e as mortes de nenos e nenas son igual de condenables teñan a pel da cor que a teñan ou profesen a relixión que profesen”.
Criticou o “cinismo absoluto” amosado neste caso polo PP, que amosa a súa consternación pola “ilegal, inxustificada e cruel” invasión de Ucraína “cando está a existir un ataque tamén ilegal, inxustificado e cruel” por parte de Israel contra Palestina “da que nin queren falar e que se esforzan en xustificar”.
Castro afeoulle ao PP que para rizar o rizo hoxe critiquen a invasión de Ucraína cando “ás portas dunhas eleccións europeas teñen previsto pactar coa ultradereita máis reaccionaria de Europa, antieuropeísta, que nega a colaboración entre estados e a axuda humanitaria que representa un Abascal que “ata hai pouco retuiteaba a Putin”. Esa ultradereita, dixo, “vai ser o seu socio de goberno en Europa como xa o é en España”.
Criticou que o propio Feijóo teña asegurado que “non había cordón sanitario” e mesmo chegou a replicar as mensaxes anti inmigración, de acordo coa ultradereita que “pretende limpar -como eles din- a UE de migrantes, acabar coa eco locura -tamén nas súas palabras-, erosionar o mercado único e renegan das políticas de cohesión e solidariedade”.
Así o dixo na mesma comisión na que antes compareceu o director xeral de Relacións Exteriores para dar conta do Plan anual de Cooperación Galega para 2024 cando “somos a vergoña do Estado no que se refire á solidariedade”. Lembrou que Galicia está á cola das comunidades autónomas en materia de cooperación pola xestión dun goberno que só aumenta os seus propios plans en 23.000 euros cando tiñan que asumir unha suba de 500.000 euros este ano.
Lembrou que o goberno de España vén de acordar un convenio bilateral con Ucraína de seguridade e defensa, asistencia humanitaria e axudas para a reconstrución do país durante os próximos 10 anos na busca dunha “paz xusta e duradeira baseada no dereito internacional, o mesmo que pretende para o Estado Palestino”. O mesmo Estado que ten aprobado unha Lei de Cooperación co obxectivo de acadar en 2030 o 0,7 por cento de investimento dos orzamentos para cooperación.