O socialista defendeu na Comisión de Asuntos Exteriores da Cámara Alta unha moción de apoio á decisión do Goberno e outras medidas orientadas ao fin da guerra
Santiago, 4 de xuño. O senador por Lugo César Mogo presentou hoxe na Comisión de Asuntos Exteriores do Senado unha moción de apoio político ao recoñecemento do Estado de Palestina, na que tamén se recollían outras medidas destinadas a activar un proceso de paz que poña fin á guerra en Gaza. O PP votou en contra, algo que lamentou o parlamentario socialista, xa que así os populares deciden seguir instalados “na pasividade” respecto ao conflito.
Mogo criticou que unha vez máis o PP “elixa a compaña da ultradereita” e rexeite unha medida “de paz”. Por iso, invitou aos senadores populares “a levantar a mirada máis alá da política nacional” e deixar a un lado a confrontación. Trátase, dixo Mogo, de elixir entre as posicións da extrema dereita e defender un alto o fogo e abrir así a posibilidade dunha negociación entre dous estados “co mesmo estatus e a mesma lexitimidade”.
César Mogo insistiu en que o recoñecemento do Estado palestino ten un dobre valor, a paz e a xustiza, ademais de tratarse dunha opción “valente” fronte a traxedia e a destrución. “Non facer nada nunca pode ser unha alternativa”, dixo.
O senador socialista recordou, ademais, que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, entrevistouse con Netanyahu para defender a paz e Abascal fíxoo para defender a continuidade da guerra, o que constitúe “unha obscenidade”.