O secretario xeral do PSdeG advertiu tras reuniuse coa Asociación Eólica de Galicia que “as oportunidades que se perden non volven e aprovéitanas outros territorios”
“A transición verde ten que avanzar en Galicia polo noso interés. O peso da industria na economía cae, e o único xeito de que se incremente é con enerxía limpa”, asegurou o candidato socialista ao Parlamento Europeo Nicolás González Casares
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou hoxe a “abandonar o frentismo político e poñerse a traballar” na busca dunha solución ao parón eólico que está a obstaculizar a transición enerxética en Galicia. Ese labor, dixo, debe liderarse dende a Xunta, en relación directa co Goberno “e cunha Europa que aposta polas renovables”.
Besteiro reuniuse esta mañá co presidente da Asociación Eólica de Galicia, Manuel Pazo, co que coincidiu en que están en xogo investimentos por valor de 7.000 millóns de euros e 14.000 empregos. “As oportunidades que se perden non volven e aprovéitanas outros territorios”, apuntou en referencia a proxectos industriais que se van instalar noutros puntos do país polas facilidades de acceso a un subministro eléctrico axeitado.
Por iso, sinalou, “estamos nun momento crucial” no que Galicia debe superar e reverter con urxencia os efectos do parón eólico dos últimos 15 anos, nos que o goberno do PP na Xunta “non foi moi dilixente”. “Neste momento de encrucillada legal hai que buscar un novo marco de transitoriedade, de saída desta situación”, afirmou tras mostrar a súa preocupación pola paralización de proxectos eólicos por parte da Xustiza.
Explicou que se trata dun camiño “complexo, pero posible se todos imos na mesma dirección, e esa é a aposta que fai o Partido Socialista”.
Tras o encontro —no que participaron directivos da EGA, xunto co candidato socialista ao Parlamento Europeo Nicolás González Casares, a deputada Patricia Iglesias e o secretario de Industria do PSdeG, Ángel Mato—, José Ramón Gómez Besteiro avisou da urxencia de “desatascar a situación”.
O desenvolvemento das renovables, lembrou, ten unha vinculación directa coa implantación de industria, xa que implica un incremento da produción eléctrica e constitúe “un atractivo para que as empresas se poidan asentar no noso territorio”. “E novas industrias implican máis emprego e de maior calidade”, concluíu.
Manuel Pazo mostrou a súa preocupación pola paralización dos proxectos. “Están todos os parques intervidos e as 34 empresas que temos relacionadas coa nova enerxía tamén están paradas”, recordou. O encontro desta mañá tamén serviu para “buscar un entendemento” e colaboración en cuestións de prazos, interconexións e modificacións lexislativas que competen ao Goberno.
Pazo calculou que as paralizacións de parques “poden pasar xa das 50”, pero subliñou que hai máis dun cento de contenciosos abertos, “pendentes dunha cuestión prexudicial en Europa”. Por iso valorou a disposición de Nicolás González Casares a interesarse pola situación do procedemento no Tribunal de Xustiza da UE.
O eurodeputado tamén mostrou a súa preocupación por un problema no que a Xunta “ten responsabilidade pola mala planificación”, que provocou, ademais, “unha pobre aceptación” dos proxectos de renovables por parte da cidadanía.
“Na directiva de renovables, o que fixemos foi mellorar os procesos de participación pública para que os beneficios queden no territorio”, destacou, como tamén a necesidade de “dialogar coas comunidades” para que poidan participar nos proxectos.
“A transición verde ten que avanzar en Galicia polo noso interés”, asegurou, xa que o peso da industria na economía está disminuíndo “e o único xeito de que se incremente é con enerxía limpa”.