O candidato ao Parlamento Europeo reuniuse coa CEG e UGT para analizar prioridades no ámbito económico e laboral na vindeira lexislatura
O candidato do PSdeG-PSOE ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, asegurou hoxe que a xustiza social é un dos piares do modelo europeo e cualificou de “antieuropeos” os ataques da dereita e a ultradereita contra ela.
“A xustiza social é un sinal de identidade europeo e nós imos defendelo e ímolo facer este 9 de xuño participando e votando ao Partido Socialista”. Así o afirmou tras manter esta mañá en Santiago sendas reunións co presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, e o secretario xeral da UGT, José Antonio Gómez, cos que analizou as prioridades no ámbito económico e laboral de cara á nova lexialatura europea.
González Casares apuntou á necesidade de defender e expandir o piar social europeo a través, entre outros aspectos, da reforma da lexislación europea en materia de relacións laborais e negociación colectiva. “Ese piar social, esa necesidade de manter os servizos públicos, é un sinal de identidade europeo”, indicou.
“Contra o modelo da dereita e da ultradereita, que queren recurtes e aplicar a motoserra de Milei que adoptou o PP, nós cremos totalmente na necesidade da xustiza social”, abundou.
Para o eurodeputado socialista, o 9 de xuño é a oportunidade para que a cidadanía se mobilice e defenda o modelo de xustiza social europeo votando ao Partido Socialista.