A deputada Lara Méndez valorou na Festa da Cereixa, o Viño e o Aceite de Ribas de Sil o impacto positivo de axudas “que non contaron co apoio do PP”
O a deputada socialista no Parlamento galego Lara Méndez salientou hoxe en Ribas de Sil o alcance das políticas que se desenvolven en Europa para o impulso aos produtos agrícolas locais. Na praia fluvial de San Clodio, onde se celebra a 20.ª edición da Festa da Cereixa, o Viño e o Aceite, valorou o carácter estratéxico para o municipio e a comarca de produtos como os que veciños e visitantes tiveron oportunidade de degustar e adquirir ao longo da fin de semana.
Méndez, que asistiu á celebración na compaña, entre outros, do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, destacou a calidade tanto das cereixas coma do aceite e o viño desa zona da Ribeira Sacra, e sobre este último asegurou que foi “un acerto” incluílo hai dous anos na festa. Dende o nacemento da denominación de orixe, a mediados dos anos noventa, a súa produción triplicouse, de modo que se consolidou como un “motor económico”.
“Por iso, en lugares coma este son tan importantes as políticas que se desenvolven desde europa en relación a sectores como o vitivinícola”, afirmou a parlamentaria socialista, e lembrou que entre este ano e o vindeiro Galicia recibirá máis de 7 millóns de euros procedentes de fondos europeos para reestruturar viñas. Trátase de axudas, recordou, “que non contaron co apoio do PP”, o cal contrasta co aumento das solicitudes, especialmente en zonas altas, para paliar os efectos do cambio climático. Nese senso, sinalou que a crise climática é “un dos principais problemas que enfronta o sector”, pese ao negacionismo de formacións políticas como PP e Vox.
Lara Méndez referiuse á “singularidade” como un importante valor das cereixas e do aceite de Ribas de Sil. As primeiras, polo seu “sabor característico” doce e o segundo polo carácter “excepcional” que lle confiren as variedades autóctonas, como a brava e a mansa a unha produción pequena, de 40.000 litros ao ano, pero feita “con moito mimo”.
O presidente da Deputación apuntou, pola súa banda, que a Festa da Cereixa, o Viño e o Aceite de Ribas de Sil é “unha clara mostra do peso que o sector primario ten na provincia de Lugo”, tamén no que se refire ao impulso do patrimonio gastronómico, do turismo e da economía en xeral. Por iso, lembrou José Tomé, o compromiso da institución provincial tradúcese nunha achega de 11.000 euros para a organización da festa.