GONZÁLEZ CASARES COMPROMETE O APOIO DO PSdeG A REFORZAR A EURORREXIÓN GALICIA-NORTE DE PORTUGAL PARA LOITAR CONTRA A DESPOBOACIÓN E IMPULSAR O DESENVOLVEMENTO INDUSTRIAL SUSTENTABLE
O candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo participou en Tui nun evento con alcaldes socialistas de ambas marxes do Miño, no que destacou a aposta do Goberno socialista por inserir Galicia e a Eurorrexión no Corredor Atlántico ferroviario
O candidato socialista ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, comprometeu esta mañá o apoio do PSdeG-PSOE a unha “cooperación reforzada” co Norte de Portugal para potenciar a Eurorrexión e impulsar unha verdadeira axenda en favor do “impulso demográfico e contra o despoboamento e o envellecemento” así como do desenvolvemento industrial sustentable.
Así o sinalou nun evento celebrado esta mañá en Tui con alcaldes e concelleiros socialistas de ambas as dúas marxes do Miño para debullar as propostas para “profundizar na cooperación social e económica” como elemento de progreso e desenvolvemento de Galicia e a Rexión Norte de Portugal. O acto contou tamén coa participación da presidenta do PSdeG-PSOE, Carmela Silva, e o secretario xeral da provincia de Pontevedra, David Regades.
Casares, que lembrou que as áreas fronteirizas de Galicia e o Norte de Portugal son os espazos de maior concentración demográfica e de maior dinamismo de toda a fronteira luso-española, incidiu en que ambos territorios contan cunha forte complementariedade e permeabilidade e que deben aspirar a ser o “engarce” do mundo hispano-luso.
O eurodeputado lembrou o papel xogado polos fondos comunitarios para reducir o diferencial de renda coa media comunitaria, pero incidiu na necesidade de que ambos os dous territorios fagan forza conxuntamente para atallar o problema do declive demográfico. A este respecto, avogou por ser “proactivos” para que a Unión Europea aborde con seriedade unha verdadeira axenda en favor do impulso demográfico e contra o despoboamento e o envellecemento.
O candidato socialista fixo fincapé asemade no potencial da Eurorrexión no ámbito do desenvolvemento sustentable e a eficiencia enerxética.
A este respecto, manifestou que as infraestruturas para o transporte e a mobilidade, especialmente as portuarias e ferroviarias, son cruciais para poder capitalizar esas oportunidades e enxalzou tanto os fondos europeos do Plan de Recuperación como a aposta do Goberno socialista de España para facer realidade o Corredor Atlántico a través dun investimento de máis de 4.500 millóns de euros ata 2030. “Durante a crise financeira, os gobernos conservadores de España e Portugal deixaron morrer a conexión ferroviaria Vigo-Oporto. Grazas ao compromiso do Goberno socialista, a conexión Vigo-Oporto vai ser unha realidade e vai adiantar as obras tanto da rede básica como da rede global a 2030 para mellorar a conectividade e a intermodalidade de Galicia e, por conseguinte, de toda a Eurorrexión”.