Alerta do aumento do risco de pobreza na poboación infantil e xuvenil e esixe unha resposta “digna e axeitada” por parte do goberno galego
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, criticou hoxe o voto en contra do PP a unha proposta socialista para pedirlle á Xunta que elabore un Plan de erradicación da pobreza infantil. Longueira presentou esta iniciativa na Comisión de Sanidade do Parlamento, onde alertou do incremento do risco de pobreza na poboación infantil e xuvenil, que pasou do 31,1 ao 34 por cento, superior ao 25,4 dos adultos.
Longueira urxiu ao goberno galego a poñer o risco de pobreza infantil na axenda política e garantir unha resposta “digna e axeitada” a través de “medidas directas que cubran as necesidades básicas e materiais para todos os nenos e nenas galegos”. Sinalou en concreto á necesidade de garantir a Lei de Impulso Demográfico no apartado que obriga a “rescatar ás familias monoparentais dos datos alarmantes en risco de pobreza”.
A responsable socialista presentou no Parlamento as propostas postas enriba da mesa pola Rede Galega contra a Pobreza que afectan sinaladamente á poboación infantil partindo dunha Lei Galega da Infancia e un Plan de apoio á familia monoparental. Este paquete de medidas inclúe triplicar o parque público de vivenda ata 22.800 unidades e erradicar a infravivenda e o chabolismo no horizonte de 2030.
Tamén pediu recuperar a Tarxeta Básica, unha nova Lei de Garantía de Ingresos que substitúa á Lei de Inclusión Social ou garantir que a poboación dispoña de servizos básicos a unha distancia máxima de 30 minutos, ou a apertura de centros de crise 24 horas contra a violencia sexual e o maltrato, a simplificación de trámites e procedementos e unha liña sociosanitaria para a atención temperá de acordo co terceiro sector.