Advirte que o goberno galego leva 15 anos sen pedir unha sola nova competencia para Galicia mentres se manteñen “colocados no vitimismo e a confrontación institucional”
O parlamentario socialista Carlos López Font pediulle hoxe á Xunta que active a Comisión Mixta de Transferencias e que clarifiquen que novas competencias van pedir para Galicia logo de 15 anos “de baleiro”. O responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que lle reclamou ao Executivo que faga pública a solicitude formal de convocatoria.
Criticou que logo de 15 anos da que ía ser a “maior fase do autogoberno de Galicia”, o balance é que esta Comunidade Autónoma non obtivo unha sola nova competencia e se colocan “no vitimismo e a confrontación institucional”.
Comparou o anuncio do daquela presidente da Xunta, Núñez Feijóo, que logo de 15 anos de xestión ofrece como balance un “espazo baleiro” co que ten feito o goberno galego dirixido por Rueda cunha nova lista de competencias, e apuntou ao “escurantismo” do Executivo, que segue sen explicar que competencias levará á dita Comisión.
López Font advertiu que “non sería de recibo que en lugar de levar a iniciativa quedaran á espera de ser convocados” para a Comisión Mixta, cando o goberno galego ten a capacidade de solicitar a súa convocatoria. Apuntou neste sentido á proposta do PP na Deputación de Pontevedra para pedirlle ao goberno de España que presente unha convocatoria que “debe facer o goberno galego”, e afeoulles que “como sempre confundan as siglas do PP coas responsabilidades de goberno”.