Sinala que o goberno galego “converteu a solución nun problema” polo seu desleixo coas axudas á vivenda procedentes do Estado
A portavoz de Mocidade do Grupo Socialista, Silvia Longueira, acusou hoxe á Xunta que xerar un “labirinto” administrativo para evitar que as axudas propias de vivenda cheguen aos mozos e mozas. Longueira presentou unha moción para reclamarlle á Xunta que incremente os fondos propios, simplifique os trámites e publicite as axudas para que cheguen ao máximo de mozos e mozas, pero que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista advertiu que a barreira de entrada imposta polo goberno galego provoca que “só un 10 por cento dos menores de 36 anos poidan chegar á adquisición dunha vivenda”, concibidas para “unha pequena minoría”. Acusou ao Executivo de “crear expectativas de difícil cumprimento” mentres “abandonan ao albur ao 90 por cento dos xóvenes galegos e que esperan e aspiran a acceder a unha vivenda para poder independizarse”.
Longueira criticou o “desleixo” na xestión da vivenda por parte do goberno galego, que durante 2024 tan só executaron o 36,6 por cento do programa de acceso á vivenda, xa que só investiron 10 millóns de euros dos 27,5 millóns de orzamento dispoñible.
Axudas estatais
A parlamentaria socialista criticou o caos na xestión por parte do goberno galego os 23 millóns de euros de axudas enviados a Galicia para o bono de alugueiro dentro do Plan Estatal de Vivenda, que suporían axudas de 250 euros mensuais para mozos e mozas, e acusoulles de “converter a solución nun problema”. Sinalou que logo de anunciar as axudas como propias, mantiveron a centos de mozos e mozas á espera ata que, dous anos despois, recoñeceron que quedaran sen fondos.
Longueira contrastou a axilidade amosada polo goberno galego á hora de gastar 23 millóns de euros de fondos estatais, malia ás queixas polas supostas dificultades administrativas e a que tardaron dous anos en avisar aos demandantes, coa dificultade para executar as partidas propias para o acceso á vivenda.
Lamentou que o PP se negara a apoiar esta iniciativa na que lle pedía á Xunta que presentara un informe sobre as peticións de axudas ao alugueiro para xente moza que quedaron sen responder dende xullo de 2022 ata decembro de 2023. Tampouco quixeron pedirlle ao goberno galego que resolvera as irregularidades de xestión cos solicitantes que non foron atendidos nin explicar as medidas e as datas nas que pensan establecer axudas propias ao alugueiro para xente moza.