O líder dos socialistas galegos sinala que “non me gusta o proxecto” de Altri logo do cambio co proxecto apadriñado pola Xunta, a quen lle reclama que dea explicacións do impacto medioambiental e da súa viabilidade
O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou hoxe que o venres desta mesma semana activará a Interparlamentaria do PSdeG para coordinar aos socialistas galegos no Parlamento de Galicia, Congreso e Senado e tamén no Parlamento Europeo. Gómez Besteiro explicou que o encontro, que contará co europarlamentario do PSdeG e candidato nas eleccións do 9X, analizará o papel de Galicia en Europa.
Os socialistas galegos nas distintas cámaras representativas abordarán a estratexia a seguir ata xullo, co horizonte de final de ano, sobre a reindustrialización de Galicia no marco da transición enerxética, así como a rexeneración democrática. Besteiro explicou que os socialistas galegos situarán a blindaxe dos servizos públicos no centro da acción política, sinaladamente a Sanidade, a Educación e a Dependencia.
Besteiro puxo sobre a mesa os asuntos de axenda que analizarán na convocatoria da Interparlamentaria e que, tal e como anunciou no Debate de Investidura, analizará a reforma do sistema de financiamento e incluirá esixirlle ao presidente da Xunta que solicite a convocatoria Comisión de Transferencias co Estado.
Altri
O líder dos socialistas galegos sinalou que “non me gusta o proxecto” de Altri para Palas de Rei e puntualizou que, como representante político, “non basta con dicir se nos gusta ou non”, senón que “nos corresponde pedir e recibir explicacións”. Dixo que o goberno galego debe explicar os cambios nun proxecto que declarou estratéxico fai dous anos e que pasou dunha fábrica de reciclaxe de fibras téxtiles que ía garantir 2.500 postos de traballo a unha pasteira que suporá menos de 500.
En resposta a preguntas dos xornalistas, logo de trasladar o “respecto e comprensión” á manifestación celebrada onte naquela localidade, con ampla presenza de representantes socialistas, dixo que o goberno galego debe explicar a viabilidade dun proxecto que apadriñou dende o primeiro momento.
Emprazou ao goberno galego a despexar factores da “incógnita”, en alusión aos fondos da Comunidade Autónoma e fondos comunitarios aos que aspira. Sinalou que o proxecto dependerá da viabilidade e dos criterios e requisitos medioambientais que lle corresponde garantir aos técnicos do goberno galego e da Comisión Europea.