O candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo visita a Feira da Milagrosa, en Lugo, xunto coa tamén candidata Elba Veleiro, a alcaldesa Paula Alvarellos e a viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez
Lugo, 26 de maio de 2024. O candidato socialista ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, esixiulle hoxe ao PP que explique a súa oposición ao Plan de Recuperación da UE. Nunha visita á Feira do barrio da Milagrosa, en Lugo, amosou a súa sorpresa pola negativa sen fisuras do PP a que cheguen axudas de Europa fundamentais para máis de 40.000 negocios, para a conexión de internet no rural ou a mellora das conexións ferroviarias.
González Casares trasladou a súa “sorpresa” pola negativa de Feijóo á chegada dos fondos de recuperación, fundamentais para unha comunidade autónoma como Galicia e sinaladamente nunha provincia como Lugo, que “necesita do tren e das conexións ferroviarias”. Sinalou que “neste momento estanse executando 200 millóns de euros do Plan de Recuperación para a mellora das conexións ferroviarias e o PP non quere que cheguen a Lugo nin a Galicia”.
Lembrou que Galicia leva executado xa 2.500 millóns de euros dese fondo comunitario que o PP “non quere que cheguen”, obviando a importancia das axudas das que tamén depende o Plan Únio de Banda Ancha que está levando internet “a cada punto e a cada aldea” nunha provincia eminentemente rural. Resumiu que o PP “rexeita que chegue o Internet que necesitan os negocios rurais para vender os seus produtos” dentro dun modelo de economía sustentable.
González Casares visitou hoxe a XXVIII Feira de Produtos do Campo e da Artesanía, que se celebra no barrio da Milagrosa, en Lugo, xunto coa tamén candidata ao Parlamento Europeo, Elba Veleiro, a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e a viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Lara Méndez.