Pídelle á Xunta unha liña de axudas para produtores de cereal e pataca afectados polas elevadas chuvias de marzo e abril
A parlamentaria do PSdeG Carmen Dacosta lamentou a “insensibilidade” amosada polo PP ao votar contra unha iniciativa do Grupo Socialista para pedirlle á Xunta axuda para as máis de 200 familias de agricultores da Limia afectados polas chuvias de marzo e abril. Dacosta advertiu que os propietarios non puideron sementar cereais de ciclo largo -millo- e de primavera, e o sector da pataca prevé reducir a produción nun 20 por cento polas anegacións.
Reclamoulle ao goberno galego que lle dea resposta aos agricultores, moi preocupados polas caída da produción, “tanto polas perdas económicas que supón como polas repercusións no que ten que ver coa PAC e a posibilidade de cumprir cos requirimentos dos Eco-reximes”. Urxiu a responder para paliar uns danos “evidentes”, que suporán a perda practicamente total do cereal de ciclo largo, ao que hai que sumar o atraso na sementeira do de primavera e a caída na produción de pataca.
Sinalou que “de pouco nos serve falar de polígonos agroforestais e de aldeas modelo cando ante un fenómeno coma este miran para outro lado e nin sequera son capaces de propoñer unha emenda para propoñer unha simple valoración dos danos”.
Explicou que o sector espera que a produción deste ano suporá menos do 10 por cento dos 40 millóns de quilos que produce A Limia entre millo, centeno, e outros, que malia que non son o cultivo prioritario, serven a maioría dos agricultores para cubrir gastos e facer as súas explotacións rendibles. Alertan de que de confirmarse as expectativas da caída de cereal e pataca, “teremos un desastre económico na provincia e en toda a Comunidade Autónoma.
Os socialistas galegos reclamáronlle á Xunta que realice unha valoración técnica dos prexuízos económicos causados, así como tomar medidas para compensar a ínfima colleita de cereal prevista para este ano na comarca da Limia.
Lembra a importancia do cereal nesta comarca de Ourense, na que o sector primario supón o 29,59 por cento do PIB, e na actualidade é un dos territorios con maior produción agrícola de Galicia, tanto en produtos hortícolas como de cereal e millo, ata o punto de que é considerada o celeiro de Galicia e é a principal comarca produtora de pataca.