Julio Abalde pide que os fondos sexan distribuídos con criterios obxectivos, reducir os convenios finalistas e suprimir os sistemas de concorrencia non competitiva
O portavoz de Administración Local do Grupo Socialista, Julio Abalde, reclamoulle á Xunta que acorde coa Fegamp a mellora do financiamento local, logo de lembrar que o PP mantén conxelado o Fondo de Cooperación Local dende o ano 2009. O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei na Comisión Institucional do Parlamento, que foi rexeitada polo PP.
Abalde acusou ao goberno galego de poñer en serias dificultades financeiras aos concellos, obrigados a asumir novos gastos para prestar servizos que son “infra ou non financiados, moitos destes por competencias impropias que lle corresponden ao goberno galego”. Reclamou así a mellora do financiamento local para garantir a autonomía financeira das entidades locais, obrigadas a prestar servizos e asumir unhas competencias imprescindibles para a cidadanía.
Reclamoulle á Xunta que actualice a súa aportación ao Fondo de Cooperación Local na parte de financiamento incondicionado, tal e como recolle a Carta Europea de Administracións Locais. Ademais, advirte que este financiamento debe ser repartido con criterios obxectivos, reducindo os convenios finalistas como vía de financiamento dos concellos, e eliminando os sistemas de concorrencia non competitiva.
O parlamentario socialista pediu axuda para que os concellos poidan afrontar as dificultades financeiras que chegan a unha situación “crítica” sinaladamente ás entidades de menos de 5.000 habitantes. Explica que entre 2015 e 2019 as comunidades autónomas aumentaron os ingresos nun 20 por cento, pero o aumento foi tan só do 9,5 por cento nos concellos, que ademais reduciron a capacidade de gasto dun 18,1 a un 16,15 por cento entre 2015 e 2020.
Pediulle ao goberno galego que siga o exemplo do Executivo central, que incrementará nun 22,6 por cento oos recursos para as entidades locais neste ano 2024, cun financiamento de 747 millóns de euros. Mentres, a Xunta mantén conxelado o FCL en 112,9 millóns de euros, mentres o resto de financiamento, que supón dous terzos do total, é entregado a través de convenios finalistas.
Advirte que mentres para o ano 2024 os Orzamentos da Xunta prevén 600 millóns de euros para as administracións locais, o Consello de Contas alerta de que ano tras ano este orzamento non é utilizado, ata o punto de que no ano 2022 tan só foron empregados 355,3 millóns de euros.